Envía a túa opinión
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, pediu esta mañá á frota de litoral que mantén o paro da actividade en Galicia que reflexione e “que saia a capturar a xarda no momento en que está nas nosas augas” e insistiu na importancia de facer un bo control das capturas, porque, subliñou, a Unión Europea está pendente do movemento de todos os sectores e se nalgún momento non se respetan as cotas que temos adxudicadas, hai que pagar unha sanción. Quintana lembrou que, en conxunto, este ano España dispón de máis cotas que o ano pasado, mais hai que pagar o sobrepasamento das cotas do ano 2010, sinalou. No caso da xarda, indicou que se están pagando as consecuencias dunha mala política de control do ano 2010 e contrastouno co exemplo do xurelo, especie na que, malia que experimentou unha pequena redución a cota deste ano, ao non ter sanción por sobrepesca, o sector vai poder capturar máis.
Envía a túa opinión
Os tres grupos da oposición anunciaron esta mañá “unha resposta forte e contundente” á decisión da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, de prohibir a asistencia de convidados ao pleno de debate de Orzamentos de mañá. “Os tres grupos actuaremos en consecuencia e defenderemos os cidadáns que sofren a dureza das políticas da dereita”, expuxeron, a través do portavoz do PSdeG, Abel Losada, “e buscaremos unha fórmula para que isto se visualice no debate de mañá”.
Envía a túa opinión
O secretario xeral do PSdeG-PSOE en Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, referiuse esta mañá ás declaracións realizadas por Pachi Vázquez sobre a necesidade de elixir un novo secretario xeral por primarias a poder ser antes do verán. “Saben que a miña posición non se modificou nos últimos meses. Creo que unha vez que en novembro no Comité Nacional se traballou case de forma unánime na idea de establecer un Congreso extraordinario moi pronto, iso guste ou non guste abre un espazo de interinidade, e ese espazo de interinidade creo que non beneficia ao noso partido, e ao non beneficiar ao noso partido tampouco beneficia á sociedade”, afirmou. O socialista emprazou a esta tarde, cando se celebra a Executiva Nacional en Santiago, para coñecer máis concretamente a posición do secretario xeral. “Supoño que hoxe ampliará un pouco eses comentarios dos que tivemos coñecemento a través dos medios e que presentará hoxe na Executiva esa liña hacia o futuro”, apuntou.
Envía a túa opinión
No proxecto de Orzamentos Xerais para 2013, o denominado programa de cribado sofre unha redución do 15% respecto de 2012. Este instrumento do Servizo Galego de Saúde permite a detección precoz de doenzas como a xordeira neonatal, as deficiencias endocrinas no acabado de nacer ou o cancro de mama. “Entendemos que a diminución dos recursos na prevención primaria e secundaria pode causar serios prexuízos na saúde de moitas galegas e galegos”, explica a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Eva Solla, no texto da interpelación que vén de presentar no Parlamento.
Envía a túa opinión
#corruPPlandia é a etiqueta que se está a multiplicar polas redes sociais nas últimas horas para axudar a propagar a convocatoria de concentracións en protesta polos últimos escándalos relacionados con prácticas corruptas que afectan ao Partido Popular. Son en algún caso as asembleas cidadás resultantes do movemento 15M as que difunden a acción reivindicativa con epicentro en Madrid e que vén de coller forza tralas revelacións publicadas esta mañá polo xornal El Mundo nas que se fala dunha práctica continuada de sobresoldos pagados en diñeiro negro a altos cargos do partido que goberna en Galicia e no Estado. O ex tesoureiro do PP, Luis Bárcenas, que gardaba 22 millóns de euros nunha conta bancaria en Suiza, tería distribuído durante 20 anos e de maneira organizada unha serie de gratificacións entre a cúpula do PP, procedentes de comisións cobradas por intereses espurios. Arestora, e segundo a #15Mpedia (wiki.15m.cc), hai convocada unha concentración ás 19 horas de hoxe fronte á sede do Partido Popular en Pontevedra, e estarían pendentes aínda de ratificarse as de Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo.