Envía a túa opinión
Un século e medio despois e séguese a revelar inesgotable. “Cómpre lelo en claves distintas ás que se veu lendo, porque para nada é folclórico nin costumista”, explica Anxo Angueira, autor dunha nova edición crítica de Cantares Gallegos que vén de editar Xerais co gallo do 150 aniversario da publicación dos poemas que alumearon o Rexurdimento das letras galegas. “Rosalía era unha intelectual do seu tempo. Utiliza os cantares como un vestido, como un disfrace para lanzar o seu pensamento social, político, crítico e feminista, que é o importante”, abunda o tamén presidente da Fundación que preserva o legado rosaliano. En conversa con Radiofusión, Angueira resolveu que en Cantares Gallegos Rosalía “fala dun novo tempo, di “fóra a noite”, que acabaron os séculos escuros”, chama a vivir unha nova etapa con esperanza e, ao cabo, “esa é a mensaxe final do libro e que debemos recoller tamén nestes tempos nosos de tribulacións”.
Envía a túa opinión
Sés presentará o seu agardado segundo disco o 7 de xuño cun concerto no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Un día antes sairá á venda Co xenio destrozado, título do novo álbum, é que dende a discográfica Fol Música cualifican como "un traballo feito con orgullo identitario, frescura e vitalidade, que pretende concentrar nunha presa de cancións viscerais e paixonais a potencia do directo". Unha vez máis, María Xosé Silvar volverá ofrecer temas de cantautora vestidos de blues, rock e sons do continente hispanoamericano. Gravado nos estudios Bruar, da Coruña, e producido pola propia Sés, para Co xenio destrozado contou cos seus músicos habituais nos directos: Tito Calviño (guitarra), Marcos Pazo (batería) e Fran Sanz (baixo).
Envía a túa opinión
A música é sempre un dos mellores vehículos para descubrir e gozar da poesía. Uxía déixanos un feixe de cancións para retratar esa muller que uns chamaron tola e outros santa: a verdadeira Rosalía. Victor Freixanes e Uxía Senlle presentaron este mediodía en Santiago de Compostela o libro-disco de 28 páxinas publicado por Galaxia na colección Sonarbore.
Envía a túa opinión
"Morreu o Demo, acabouse a peseta" era a frase coa que remataban as funcións de monifates de luva logo de que o heroe Barriga Verda mallase no seu satánico antagonista. Agora é tamén o nome dunha asociación e do libro-DVD que vén de editar cun documental e máis de sesenta páxinas de contido. A obra quere difundir a figura de Barriga Verde, títere por excelencia no noso país durante o século XX. O filme, que se puido ver xa en diferentes festivais europeos, chega agora para a súa distribución en formato doméstico nunha edición de luxo que achega múltiples contidos extra. Comba Campoy, produtora executiva do filme e integrante da Asociación Cultural Morreu o Demo fixo un chamamento en Radiofusión a valorarmos a importancia desta tradición teatral para a cultura galega entre os anos 10 e 60 do século pasado, que nos emparenta co teatro de títeres popular europeo.
Envía a túa opinión
Despois do éxito de participación do anterior concurso en twitter arredor de 'O Principiño' a Editorial Galaxia botou a andar un novo concurso na rede de microblogging, desta volta, para conmemorar os 150 anos de 'Cantares Gallegos' de Rosalía de Castro que celebramos neste 2013. Como na vez anterior, todos os tuiteiros están convidados a enviar os seus chíos no hastag #rosaliasempreporque completando o chío e explicando porque a súa obra sempre estará con nós, ou por que é tan importante para nós.