Envía a túa opinión
“Estamos ante un imposto revolucionario” afirma o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, con respecto ao novo pago das peaxes portuguesas. A asociación transfronteiriza critica, non só a peaxe, aínda que non cuestiona “a capacidade do Goberno portugués de implantala”, senón tamén a forma de cobrala. A obriga de adquirir ou alugar un chip de prepago dun mínimo de 50 euros, que non se recupera aínda que non se esgote o saldo, resulta discriminatorio para os estranxeiros e, concretamente, para os galegos que son os que utilizan estes viais nos que se esixe o dispositivo de telepeaxe, explicou en Radiofusión.
Envía a túa opinión
Esta mañá fíxose entrega dos premios de literatura dramática convocados pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Raúl Dans, coa obra Chegamos despois a unha terra gris, é o gañador da XVIV edición do Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais; Xavier Lama obtivo o Manuel María de Literatura Dramática Infantil polo texto Os reloxos preguiceiros de Néboa, e os premios Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques recalaron en Xosé A. Neira Cruz por Pedra sobre pedra, na modalidade para adultos, e en Inacio Vilariño por Fábula galénica, na categoría de teatro para rapaces.
Envía a túa opinión
Esta mañá entregáronse no rexistro do Parlamento de Galicia as sinaturas de apoio á tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular levada a cabo pola Comisión Promotora da mesma e pola Plataforma cidadá Queremos Galego. Esta iniciativa, que se puxo en marcha por mor da vulneración dos dereitos lingüísticos do idioma galego, recolle todos os consensos que defende a plataforma e trata de lembrar á Xunta a súa obriga de cumprir cos mesmos. A proposición conta con todos os requisitos dunha iniciativa lexislativa popular e, ata o de agora, está avalada por 30.000 persoas.
Envía a túa opinión
O concello de Fene pon en marcha Seminarios de educación dixital dirixidos a mocidade e ás familias. Os seminarios están enmarcados no Plan de prevención de drogodependencias, que coordina a pedagoga municipal, Mª Xosé Paz. A actividade aborda a problemática da educación dixital de forma específica ofrecendo unha formación que ten que ver máis con aspectos sociais que tecnolóxicos.
Envía a túa opinión
Ferrol conmemora o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza mañán martes 19 de outubro cun amplo programa de actividades que se celebrarán na Casa Solidaria, ubicada na rúa Velázquez, e en varios centros educativos da cidade. Paralelamente convoca un concurso fotográfico baixo o mesmo lema.