A Lei de Familia inicia nesta xornada a súa tramitación parlamentaria grazas aos votos do Partido Popular na Cámara. A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, presentou o texto no hemiciclo como "unha ferramenta máis no pacto demográfico", que apoia a maternidade e axuda, de xeito "pioneiro", ás familias monoparentais, numerosas ou con dependentes ao cargo.
A redacción da norma foi durisimamente criticada polo Consello Económico e Social, entendendo que presentaba unha "profunda carga ideolóxica", era "patriarcal" e "reaccionaria", fomentando conceptos como o de familia tradicional e "dereito a vida", confundindo "maternidade" e "sexualidade" e negando protección institucional ás mulleres que escollen libremente abortar. As forzas da oposición fixeron súa esa diagnose, mais Mato defendeu que o proxecto de lei, se ben "promove a natalidade", "non obriga a ser nai".
Tanto socialistas como nacionalistas cualificaron o texto de "sectario" e "frívolo", afeándolle á Xunta que promova a maternidade mediante a restrición do rol feminino ao eido doméstico, dedicado ás tarefas do fogar, entre elas o coidados do nenos e dos maiores. A deputada do PsdeG, Beatriz Sestayo, afirmou que, tal e como foi concibida, a Lei de Familia semella redactada ao gusto da Conferencia Episcopal, mentres que, en nome do BNG, Carlos Aymerich pediu que se respecte a liberdade das mulleres a decidir sobre a maternidade.
Ao rescate de Mato saíu a deputada popular Marta Rodríguez Arias, acusando á oposición de terxiversar o verdadeiro sentido do texto.