Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Luns 18 de Decembro de 2017
Actualidade > Ficha da nova
Ficha da nova Enviar comentario

Moisés Quintas contribúe á conservación do patrimonio coa “Guía didáctica de instrumentos galegos”


Portada da “Guía didáctica de instrumentos galegos”

Fundador da banda folk Trasmundi, Moisés Quintas compaxina a súa profesión de docente na área de Educación Musical do CEIP Xosé Fernández López de O Porriño, coa recollida de música tradicional, concertos, composición e arranxos musicais. Non obstante, tamén desenvolve outro tipo de traballos como vén de amosar coa obra Guía didáctica de instrumentos galegos, que vén de publicar Ouvirmos. Trátase dun libro-CD que presenta unha exhaustiva clasificación e descrición dos instrumentos galegos e as súas partes, coa súa etimoloxía, orixe e evolución. Unha práctica ferramenta de apoio para o coñecemento e ensino da música galega, ilustrada con máis de 100 fotografías e acompañada de 40 pistas de audio con todos os instrumentos. Inclúe ademais unha pista interactiva en formato web con múltiples recursos e un obradoiro para a construción de instrumentos sinxelos.

Cultura14/06/2011Autor: Redacción

En palabras do mestre artesán Antón Corral, quen asina o prólogo do libro, esta obra supón “un legado de coñecementos históricos e actuais, a piques de desaparecer sobre os instrumentos populares e tradicionais galegos. Unha base para que os rapaces e rapazas sintan curiosidade polo pasado, presente, e sexan así mesmo, posibles continuadores e enriquecedores de futuro”.

O libro-CD

Pola súa banda, o autor, Moisés Quintas define como instrumento de música “calquera obxecto capaz de producir sons orientados cara a un fin musical”. A partir desta base, desenvolve un exhaustivo traballo de investigación e establece unha clasificación atendendo ao elemento que orixina a vibración sonora do instrumento. Este elemento pode ser unha pel estendida que golpeamos, unha corda tensa que pulsamos ou fretamos, ou o aire que sopramos e choca contra o bisel ou burato. Así, a obra estrutúrase en catro grandes grupos instrumentais: os aerófonos, os cordófonos, os membranófonos e os idiófonos.

Tras unha breve introdución e explicación da clasificación establecida, este libro-CD fai un completo percorrido polo universo musical galego a través de 40 instrumentos, desde o acordeón, a frauta traveseira ou a gaita até a lata de pemento, o chifre de afiador ou a pandeira.

Moisés Quintas achégase de forma individualizada a cada instrumento, sempre desde un punto de vista didáctico, analizando e explicando a súa orixe e evolución, as súas características, os materiais cos que está fabricado, o modo de tocalo, etc.

Todos os instrumentos veñen ilustrados con fotografías, que xunto ás audicións correspondentes que acompañan o libro, afondan no obxectivo da obra de contribuír á aprendizaxe así como á descuberta e preservación dun extraordinario legado cultural.

Complementan os contidos da obra unha detallada bibliografía e discografía para os lectores que queiran afondar nos coñecementos que nos achega esta guía didáctica.

Pista interactiva

O CD coas diferentes audicións inclúe tamén unha pista interactiva en formato web que presenta todo tipo de recursos con ligazóns a outras páxinas de interese, un inventario con datos de contacto dos artesáns dos distintos instrumentos, así como unha serie de obradoiros para construír en casa instrumentos sinxelos coma unha ocarina, varias frautas de cana ou unhas tarrañolas.

Destinatarios

A Guía didáctica de instrumentos galegos é unha obra ideal para estar na biblioteca de calquera tipo de centro educativo -na aula como apoio ao profesor ou como material curricular ou didáctico para os alumnos-, así como nas bibliotecas familiares a modo de libro de consulta, CD de audio ou ben como CD interactivo.

 


Ouvirmos (Web)
Comentarios:
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros