Os xeólogos aproveitarán o domingo 6 de maio para celebrar unha nova edición do Xeolodía. Nesa xornada abren as portas do seu particular laboratorio á cidadanía en xeral: este abrangue toda a natureza e fronte a ela queren situar á sociedade para animar á xente a observar con ollos de xeólogo a contorna na que se asentan as poboacións e entender os efectos que teñen sobre a superficies algúns dos procesos de funcionamento do planeta Terra. Estas saídas de campo organízanse por todo o país, a razón dunha por provincia. A Universidade de Vigo organiza a de Pontevedra, que terá por escenario o areal de A Lanzada.
A resposta da xente fixo que fose preciso habilitar un grupo extra de participantes para o Xeolodía de Pontevedra, celebra o seu coordinador, José Bienvenido Díez, profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio. Os asistentes percorrerán un dos areais máis famosos de Galicia acompañados de investigadores e profesores dende o aparcadoiro da Ermida da Nosa Señora da Lanzada, no concello de Sanxenxo, ata o miradoiro da Siradella, xa no concello do Grove. O organizador destacou en Radiofusión que é un “fermoso exemplo de como se forman as praias e da orixe das rías”.
O Xeolodía comezou a celebrarse en 2005 en Teruel e agora, promovido pola Sociedade Xeolóxica de España, aspira a divulgar unha ciencia que permite comprender a dinámica do planeta, o tempo e a escala dos seus procesos e tamén as consecuencias da nosa intromisión neles. O manifesto deste ano titúlase “Xeoloxía por unha nova cultura da terra” e segundo Bienvenido Díez pretende “relanzar o coñecemento das ciencias da terra”. “Moitas obras públicas -explica- non se explotan de maneira racional por descoñecemento das bases xeolóxicas”. Esta é unha eiva que cómpre corrixir para controlar o futuro da auga de consumo, cuxas fontes están no substrato terrestre. Ademais, a xeoloxía resulta “fundamental” para evitar situacións tan diversas como o accidente nuclear de Fukushima ou os asolagamentos en Galicia.