Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Martes 24 de Abril de 2018
Actualidade > Ficha da nova
Ficha da nova Enviar comentario

“Resident Evil: Apocalipsis” (La Sexta, 22:20 h.)


Posmodernismo

O que foi o vampiro para o romanticismo, agora sono os zombis para o posmodernismo. Cada becho do canon do terror tivo o seu momento, e o actual perténcelle a eses monstros cuxa carne mortal podrece a cambio do milagre da resurrección. Hai, prometen os expertos, infindas lecturas sobre a condición humana na fábula dos cadáveres que volven á vida para comernos nunha persecución infatigable. Mándannos pistas pouco sibilinas. Están os ataques zombi ambientados en centros comerciais, para que vexamos que non hai tanta diferenza entre deambular sen nada que facer polos grandes almacéns, sometidos aos soños incumpridos do consumo, e arrastrar os intestinos sen siso ningún. Tamén xorden novas variedades de antropófagos post-mortem, aos que se lles coñece como infectados e que dan moito máis medo. Estes son tan voraces como os orixinais das películas de Romero pero móvense e corren coa axilidade dun atleta. Aquí a parábola que nos reflicte, suponse, é que vivimos a vida como unha carreira por estarmos máis en forma, máis felices e máis produtivos, como cantaban Radiohead, ou, seguindo coa boa filosofía do pop británico, por irmos rápido a ningures, en palabras de The Smiths. E estes exemplos abondarían para probar a miña zombificación posmoderna.

Cultura09/10/2012Autor: Manuel Álvarez Moreira

Nunha sociedade cega e atrofiada, os zombis, por moito que sexan choscos e leven un ollo pendurando, son os reis. Hai 30 anos Alaska viña proclamando que había ser moza dun morto vivinte e, malia que tardou porque o bo zombi toma as cousas con calma, conseguiuno. E se alguén ten probas de Mario Vaquerizo pertence a este mundo que as vaia amosando. Como a pobre moza loira que fica acurralada polos asasinos noxentos nun soto, así estamos nós rodeados pola exaltación dos defuntos putrefactos. Até tal punto chega o fenómeno que Mila Jovovich, á que criamos morta para o cine, segue estreando secuelas de “Resident Evil”, a serie de longametraxes que adaptan (mal) unha das máis famosas sagas xaponesas de videoxogos. De tan fiel á tradición zombi, en cada novo capítulo vai amosando peor aspecto: cada novo capítulo resulta peor que o anterior. Ás películas pásalles o mesmo, din os que as viron, que sendo a cousa de noxo e pánico, nunca é o meu caso. Así, “Resident Evil: Apocalipsis”, só a segunda da serie e que La Sexta emite ás 22:20 horas ten que cheirar menos a mofo que as posteriores. Se o título indica que, como dicíamos ao comezo, aí hai unha metáfora de, que sei eu, a nosa situación económica, xa é algo que os zombis lles poden contar ao oído cando lles estean a chuchar o bulbo raquídeo.