Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Venres 19 de Xaneiro de 2018
Actualidade > Ficha da nova
Ficha da nova Enviar comentario

“La Voz” (Telecinco, 22 h.)


Está Sinatra e logo está “La Voz”

Hai un libro fascinante do neurólogo Oliver Sacks chamado “Musicofilia”. Nel relata a historia dalgúns dos pacientes que pasaron polas súas mans, xente que desenvolveu estrañas alteracións relacionadas coa música, homes impactados por un raio que de súpeto converten a súa vida nunha obsesión pola música de piano, ou mulleres que tras unha operación experimentan un gozo desmedido cando escoitan unha canción pola radio. O doutor Sacks, se non fose xa tan maior, podería culminar un último gran experimento. Así como fai o fotógrafo Spencer Tunick, debera viaxar até algún punto de España e concentrar unha multitude de persoas espidas. A seguir, subiría a un púlpito e dende alí berraría: “Pero pódese saber que demo vos pasa?”. Porque eu dubido moito que endexamais se teña producido un fenómeno masivo de sinestesia como este. A sinestesia, cómpre lembralo, consiste na asociación de feitos pertencentes a dominios sensoriais distintos. E hai xa anos que por aquí a música vese, non se escoita.

Cultura10/10/2012Autor: Manuel Álvarez Moreira

Isto do multimedia éche moi fragmentario e a música pasou a ocupar un lugar subordinado. Sentar a escoitar con atención figura xa no catálogo de hábitos perdidos, no mesmo caixón no que dorme o costume de erguerse a premer un botón no televisor para cambiar de canle. A música é un satélite de calquera outra actividade que requira maior atención: conducir, pasear, cociñar, mercar roupa, ligar na discoteca ou, así de mal está a cousa, asistir a un concerto, evento transformado en acontecemento social antes que cultural. As cancións transpórtanse, viaxan en reprodutores portátiles, avanzan, entran en pausa, saltan dunha a outra ou ordénanse ao chou. Pero preferiblemente en segundo plano. A atrofia do oído é de tal calibre que até o filme infantil de máis éxito do momento ten por banda sonora unha canción de Juan Magán, o cal é abondo para que Randy Newman saque dunha vez o chapeu e arrinque os pelos da cabeza. Randy, dende aquí cho digo: “Tranquilo, tes un amigo en min”.

E logo, onde escoita música a xente? Pois na televisión. Así como para facer que o rapaz tome a menciña hai que transformar a culler nun avión, para que a familia ature a escoita dun tema pop de tres minutos requírese a tremoia dun concurso televisivo adobiado con famosos da canción popular no que poidamos gozar de como rin e choran os aspirantes, xa non a quince minutos, senón a un trending topic de fama. Por suposto, se ademais colocamos a Melendi nun trono como o que empregaba o Capitán Kirk para comandar a nave USS Enterprise, haberá quen estea disposto a escoitar “In-A-Gadda-Da-Vida” de cabo a rabo. Así funciona o paradoxo musical do espazo de maior éxito de toda a grella catódica, un programa que se chama “La Voz”, pero que comprace máis ao xordo que ao cego. Emítese en Telecinco ás dez da noite.


Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros