Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Luns 23 de Abril de 2018
Actualidade > Ficha da nova
Ficha da nova Enviar comentario

Cousa de raices reivindica o bosque galego


Presentación da campaña

Coincidindo co Día mundial da Conservación do Solo, ADEGA e outros 45 colectivos ambientalistas, culturais, empresariais, sindicais, comunitarios, educativos e científicos presentaron no Parque dos Paxariños de Lugo, en pleno contorno natural, a campaña “Cousa de Raíces” destinada a defender o bosque galego ou atóctono en todas as súas facetas: ambiental, cultural, produtiva, educativa ou como factor xerador de emprego.

Sociedade08/07/2014Autor: Redacción

Esta iniciativa retoma unha reivindicación histórica do movemento ecoloxista na defensa das árbores propias, pero desta volta intenta congregar neste mesmo obxectivo os esforzos de todos os sectores implicados na súa preservación e promoción. De feito, a este acto acudiron varios colectivos lugueses que traballan con esta finalidade como, alén de ADEGA, o Bandullo Ecolóxico, o Espazo Agroecolóxico A Estruga, FRUGA, A Asociación Galega de Custodia do Territorio ou a Plataforma sarriana polo río.

“Cousa de Raíces” chega a Lugo co ánimo de sumar máis colectivos e entidades da provincia a esta causa común, participando de todas aquelas actividades que se desenvolvan no marco desta campaña, propoñendo accións conxuntas a prol do bosque, dando conta daqueles proxectos empresariais ou avances científicos que se vaian acadando arredor das masas arbóreas autóctonas, ou esixindo á administración pública que faga cumprir a normativa vixente relativa á conservación do bosque galego.

Xabier Bruña, vogal de medio rural de ADEGA, engadiu en rolda de prensa que “non menos importante será colaborar conxuntamente no impulso dunha concienciación social positiva sobre o valor ambiental, cultural e económico das nosas árbores”. E sinalou que, pese a todas as vantaxes que ofrece o bosque galego para a nosa sociedade, a día de hoxe tan só o 30% da masa forestal arborada de Galiza é de bosque autóctono, o 15% de todo o territorio, e a súa regresión non se está a frear. Ademais, continúan sen resolverse as ameazas que nos últimos 25 anos puxeron en risco a súa existencia, como os incendios forestais, a proliferación das especies de crecemento rápido, as talas indiscriminadas, as concentracións parcelarias, a desaparición do bosque de ribeira... E, por riba, agora aparecen novas ameazas que precarizarán aínda máis a situación actual do noso bosque, como son os cultivos enerxéticos.

Na rolda de prensa tamén interviu a directora do Departamento de Produción Vexetal do Campus Universitario de Lugo (USC), Mª Rosa Mosquera Losada, para dar conta da necesidade de preservar o bosque autóctono polos beneficios indispensables que este achega aos solos de Galiza.

No Día mundial da Conservación do Solo, no que se insta ás sociedades a tomar medidas para evitar a erosión dos terreos fértiles, resulta relevante expoñer as contribucións que os bosques autóctonos fan neste sentido. Segundo estudos realizados na Escola Superior da Politécnica de Lugo polo departamento que dirixe Mª Rosa Mosquera está constatado que:

    As especies autóctonas son as que mellor “crean” solo, primeiro, incorporando aos seus tecidos aqueles nutrientes do solo que se poderían perder e, segundo, devolvéndoos ao chan en forma de potasio e calcio cando as árbores se descompoñen.

    Fronte as especies de coníferas, as árbores frondosas (como o castiñeiro, carballo ou bidueiro) favorecen unha maior biodiversidade e as súas follas incorpóranse máis facilmente ao solo. No caso das coníferas, as follas teñen un elevado contido de lignina que dificulta, non só a súa incorporación no solo, senón tamén o desenvolvemento de especies herbáceas e, por tanto, de biodiversidade.

    As especies autóctonas, por estar mellor adaptadas aos solos galegos, non ofrecen limitacións á hora de realizar cambios nos usos do solo. Sen embargo, as especies coníferas e/ou de crecemento rápido acidifican moito os solos e dificultan a aparición doutras especies vexetais máis propias da nosa contorna.


ADEGA tamén aproveitou a ocasión para anunciar que xa está a disposición do público xeral o blogue da campaña“Cousa de Raíces”. Todas estas accións serán postas en coñecemento da sociedade a través do blogue cousaderaices.wordpress.com, desde o cal calquera persoa tamén poderá manifestar o seu apoio á causa. Así mesmo, servirá como canle de comunicación entre os diferentes colectivos que participan na campaña.

Para aquelas persoas e entidades da provincia que queiran sumarse a esta iniciativa, bastará con que acudan ao blogue de “Cousa de Raíces” ou que envíen un correo a cousaderaices@adega.info.


Comentarios:
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros