Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Mércores 23 de Agosto de 2017
Actualidade > Ficha da nova
Ficha da nova Enviar comentario

O alcalde de Fene cesa aos socios de goberno


Juventino Trigo e Sandra Permuy

O alcalde de Fene cesa oficialmente dos seus cargos no goberno local aos concelleiros e concelleiras de PSOE e Somos Fene por perda de confianza. Juventino Trigo asinou o cese o martes 9 de agosto ás 16 horas e comunicouno en roda de prensa este mediodía. As competencias dos cinco edís cesados retornan de momento á propia alcaldía. Na mesma resolución, Trigo nomea aos concelleiros do BNG, Justo Martínez Ardá e María Manuela Aguilar Prieto, membros da Xunta de Goberno Local. Juventino Trigo non se prantexa dimitir e reafírmase en cumprir o acordo programático que hai un ano -xuño de 2015- asinaron os tres socios de goberno e EU. Á pregunta de se considera viable gobernar con catro membros nunha corporación de 17, Trigo dí estar seguro de sacar adiante iniciativas que están no proxecto de goberno ás que o resto dos grupos non poden opoñerse. O alcalde amosouse aberto a que volvan os socios de goberno e tamén tende a man a EU.

Sociedade10/08/2016Autor: Redacción

Motivos do cese

Juventino Trigo chegou a tomar a decisión de cesar aos socios de goberno por romper estes por sorpresa unhas negociacións consensuadas durante catro meses e paralizar, o pasado 4 de agosto, o debate do orzamento do 2016 que é, en palabras do rexedor, o de maior contía da historia de Fene con case 12 millóns de euros. Contemplan, engade Trigo, un aumento de 120.000 euros para o Plan de Emprego; máis dun millóns en investimentos e numerosas partidas de carácter social vense aumentadas nun 20%. "É difícil votar en contra dese orzamento con argumentos" afirma Trigo, quen manifestou "somos conscientes da aritmética municipal e da situación na que queda o pleno; son alcalde por elección maioritaria do pleno e sei perfectamente que preciso apoios para aprobar asuntos, pero non vou ser alcalde a calquera prezo, e prefiro ter que negociar cada decisión e triplicar o meu traballo e o dos meus compañeiros e compañeiras antes que someterme aos ditados de persoas que faltan á súa palabra e que perseguen outros intereses que nada teñen que ver co benestar da veciñanza”.

Presións

Á pregunta sobre as presións, Juventino Trigo, afirma que é normal que haxa diferencias que se salvan co diálogo. Ao ler que os socios afirmaban na prensa que querían reformular o pacto de goberno, o rexedor nacionalista pregúntase qué ten iso que ver con rexeitar os orzamentos. Pídelles a PSOE e Somos Fene que avalíen a situación, que resolvan os seus problemas internos e volvan ao goberno.

Moción de censura?

Á pregunta de, se sendo catro non teme unha moción de censura, Trigo responde que iso non lle corresponde ao BNG. Ao PP dedicoulle o alcalde fenés o calificativo de "cobardes" por votar en contra do debate dos orzamentos no pleno cando, asegura Trigo, había un acordo verbal con eles de facilitar a urxencia.

Reacción do PP

O portavoz do PP de Fene, Gumersindo Galego, ve unha única saída á situación que se presenta cun goberno de catro do BNG, que Juventino Trigo recoñeza o fracaso do seu goberno tripartito e presente a dimisión. Galego considera que o máis lóxico será que despois goberne a lista máis votada, a do PP que conta con sete edís. O voceiro popular de Fene declarou esta mañá que xa se vía vir e que se cumpriron todos os pronósticos, "un ano de vida ao goberno tripartito". Co asunto que desencadeou esta situación, os orzamentos municipais, Gumersindo Galego, afirma que xa lle parecera incorrecto que o alcalde lle enviase o proxecto por correo electrónico sen falar sequera, pero cando no pleno de agosto veu como tampouco concordaban os socios de goberno, xa "non daba crédito".

Tanto Somos Fene como o PSOE reservaron a súa opinión sobre a decisión da alcaldía para as vindeiras horas. A Corporación de Fene conta con 4 concelleiros do BNG, 3 do PSOE, 2 de Somos Fene, 7 do Partido Popular e 1 de Esquerda Unida. Tras as últimas eleccións municipais, asinouse un acordo entre o BNG, PSOE e Somos Fene e resultou elixido alcalde Juventino Trigo. 


Comentarios:
10/08/2016 - Juventino dimisión. Toñín (Fene)
Pacto de perdedores, se veía venir...
10/08/2016 - ENMENDANDO ERROS. SARA (MANIÑOS)
Só espero que o BNG non cometa o erro de volver a admitilos no Goberno, nin ó PSOE e moito menos a Somos Fene, que dan vergoña. Foi un pacto que dende o seu inicio, víase que ía rematar así. Tendede a man a EU, e sacade o traballo adiante.
10/08/2016 - Ben feito Juventino. María (Fene)
Cada quen debe saber donde está.
Estando no goberno non se está na oposición.
Eu xa oira que estes de somos fene non son de fiar
10/08/2016 - Os cinco traidores. Alfredo (Sillobre)
Agora xa tedes unha boa disculpa para non acudir ao concello , non facedes falta
10/08/2016 - O alcalde que goberne e se non pode que dimita. Fernanda (Perlio)
Se se desfai de "socios" que o deixan tirado no Pleno cando o que defenden os asuntos particulares o alcalde fai ben. Pero agora que goberne, non ten excusa, se non ten que dimitir.
10/08/2016 - A nova política de "Somos Fene". Pepe (Sillobre)
Un partido "do pobo" que nunca unha asamblea aberta fixo, sen organización, quen manda aí? Xente que se mete aí para arreglar os seus chanchullos e o disfrazan de "nova política" aproveitándose da boa fe de xente que pensabamos eran un aire fresco. Abur!
10/08/2016 - Toñín. Xosé (Perlío)
Hai Toñín...fala galego...non sexas tontín...
Publicidade

Axenda

Enquisa

Os galegos e galegas debemos ter dereito a decidir?
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros