Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Martes 24 de Abril de 2018
Actualidade > Ficha da nova
Ficha da nova Enviar comentario

O arte de crear cultura


Paco Souto traballando

O teatro Colón da Coruña acollerá este sábado 11 de novembro a  celebración da primeira homenaxe nacional ao poeta Paco Souto, nun acto interdisciplinar no que confluirán a poesía, a música e mailas artes plásticas. Baixo o título “Atesourando a palabra”, a homenaxe, organizada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, oitos meses despois da tráxica morte do poeta, dará comezo as 20:00h e contará cun importante número de artistas, pertencentes a diferentes ámbitos culturais, reunindo a poetas e creadores que formaron parte do universo creativo de Paco Souto, e que mantiveron unha estreita relación, persoal e profesional, co poeta.

Sociedade10/11/2017Autor: Redacción

Así, nesta primeira homenaxe nacional a Paco Souto, presentada e coordinada pola poeta Rosalía Fernández Rial, participarán representantes da poética galega como Miguel Mato Fondo, Marta Dacosta, Xosé Iglesias, Lino Braxe, María Xosé Fernández ou Paco de Tano; artistas plásticas como Viki Rivadulla, Peter Kramer, Peter Schneider, Mon Lendoiro, Chiña ou Abraham Vila, músicos como Serxio Moreira, Aida Saco e Fran Barcia, ou persoeiros do eido audiovisual como o cineasta Xosé Bocixa, cuxas intervencións contribuirán a lembrar a figura dun escritor que promoveu unha gran de cantidade de iniciativas culturais nas diferentes artes.

Fernández Rial destacou de Paco Souto que sempre foi  “un grande axitador cultural”, subliñando a súa “continua vontade para promover actos e iniciativas culturais”, así como para organizar actividades formativas. “Paco Souto foi a personificación do verbo dar”, salientou Férnández Rial, lembrando a actitude “voluntariosa e colaborativa” do homenaxeado.

En coherencia coa personalidade e o discurso artístico do homenaxeado, o espectáculo terá unha posta en escena na que a poesía, a música e a artes plásticas dialogarán arredor da figura dun escritor que deixou a súa obra e a memoria da súa xenerosidade tamén á hora de promover proxectos colectivos.

As persoas que desexen presenciar a homenaxe nacional a Paco Souto, deberán retirar –previamente- na billeteira do Teatro Colón as entradas para asisitir ao acto.
 



Paco Souto e o arte de crear cultura

Nacido na Coruña en 1962, Paco Souto morreu en exercicio do seu traballo de percebeiro en Razo o 30 de marzo deste mesmo ano. Poeta, editor e promotor cultural, obtivo, entre outros, os premios Espiral Maior 1994 por As árvores do incesto e o Johán Carballeira do concello de Bueu 2006 por As horas de María. Participou en exposicións colectivas e individuais, ilustrou libros e colaborou en diversas montaxes teatrais. En 1993 realizou xunto a Laura Quintillán e Kukas o espectáculo pluridisciplinar América; no 2001 creou Aínda con Serxio Moreira ao piano e realizaron Como augas de maio e en 2003 Aviléscanto, unha homenaxe a Avilés de Taramancos. En 2007, As horas de María e en 2008, por encarga da A. C. Monte Branco, unha homenaxe a Xelucho Abella, autor homenaxeado nas Festiletras do Couto, Lugar de incendios, montaxe que reunía pintura e poesía da súa autoría con música do pianista Serxio Moreira.
En 2016 publicou o seu último libro individual, E Caín. Con Rosalía Fernández Rial, Serxio Moreira á música e a fotografía de Peter Schneider asinou Tempo escuro. En 2015 daban ao prelo Catálogo con Rosalía Fernández Rial e os ilustradores Chiña e Mon Lendoiro. E editaron o CD Proxecto Barro, parte dun espectáculo multidisciplinar que clausurou a Mostra da Oleiría de Buño. Dirixiu con Paco de Tano a colección de poesía Caldeirón. onde se editan os premios de poesía erótica Illas Sisargas.
Neste mesmo ano, o seu poema "Terradentro" gañou o premio aRitmar da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela. (datos tirados da ficha do autor da AELG).


Comentarios:
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros