Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Martes 16 de Xaneiro de 2018
Actualidade > Ficha da nova
Ficha da nova Enviar comentario

A música universal e terapeútica de Pakolas


Paco Cerdeiras Pakolas

“Cancións para rockear, para soñar, para non parar de mover o esqueleto e tamén sobre todo, para aprender”. Pakolas, Paco Cerdeiras, chega con este novo traballo cantando e contando historias de  animais que serán os protagonistas de moitos contos incluidos neste libro - disco, “Mero o baldomero”, “Xabarín con bombín”, “O Furafollas”, “A quenlla Madrugadora” e “Mc Pac” entre outros.

Sociedade05/12/2017Autor: Redacción

Paco Cerdeira, ou Pakolas, nome co que se presenta ante o público infantil e que da título a este novo librodisco, é músico e compositor, cunha longa traxectoria neste eido profesional, sumando mais de 13 anos en diferentes grupos infantís. Despois da edición de “A Gramola Gominola” e de moitos dos temas de “Cancións para Desafinar”, ambos libro-Cds da banda infantil que el mesmo funda, lánzase á aventura en solitario. Defínese como rockeiro e guitarreiro, creando música para tódolos públicos, dende os mais miúdos ata familias ao completo, “música para todos e todas e letras axeitadas aos mais cativos e cativas”
 Editado por Galaxia na súa colección Sonárbore, Pakolas é un libro-CD que recolle na edición 10 novas cancións orixinais e tamén 1 dos contos que engloba o proxecto, e como novidade aporta a colaboración para a súa elaboración co Colexio de Logopedas de Galicia, co que o autor traballou dende un primeiro momento. Deste traballo conxunto nacen estas cancións pero tamén os contos que as acompañan, xerando unha historia fantástica cunha parábola ou moralexa final, ademais de material complementario pedagóxico ao que se poderá acceder de xeito multimedia, xunto co resto dos contos. Así tanto estes profesionais logopédicos, como os centros escolares ou os propios lectores, a través dun código BIDI, atoparán materiais adicionais ademais do propio contido do libro.
En palabras do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia, “a música é un instrumento excelente para potenciar a comunicación, as relacións e a aprendizaxe. O colexio colabora con este proxecto convidado polo autor que busca nas súas cancións; entretemento e didáctica, pero máis alá do xa esperado neste tipo de arte, achega ó público infantil con afectación na linguaxe, un recurso de base logopédica facendo así un tipo de música universal e terapéutica non existente ata agora na nosa lingua, o galego, e que serve como non para tódolos públicos polo seu grado de entretemento e didáctica asociada”.
A ilustración do libro corre a cargo da creatividade de Laura Romero, licenciada en Belas Artes na Universidad de Salamanca, que consegue darlle vida a eses animais protagonistas de historias fantásticas, a través das imaxes cheas de colorido. Entre os últimos traballos de Laura destaca a posta en marcha do proxecto “Músicas Galegas Ilustradas” na que esta xunta as súas dúas facetas artísticas, xa que tamén é baixista na banda Zenzar, da que forma parte xunto con Paco Cerdeira á guitarra.
“Pakolas” conta con algunhas colaboracións na parte musical, por unha banda Vituco Neira de Ruxe-Ruxe e Pilara de Pontearnelas ás voces do “Furafollas”, e coas baterías de Ro Muñoz, tamén integrante da banda A Gramola Gominola.
Desta volta, a posta en escea deste traballo é un espectáculo infantil en pequeno formato individual, “As Parábolas de Pakolas” que xa leva percorrendo a xeografía galega dende o mes de Abril deste ano 2017, e no que Paco Cerdeira interpreta en directo unha escolla dos seus temas infantís, xuntando música, historias e moita participación co público a xeito de aprendizaxe pero tamén, e como non de moito divertimento. O espectáculo seguirá xirando por toda Galicia, cunha renovada escenografía tamén deseñada por Laura Romero e apoiada neste novo libro ilustrado. Pódese atopar máis información na web de Pakolas e consultar igualmente a súa axenda de concertos


Comentarios:
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros