Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Martes 16 de Xaneiro de 2018
Actualidade > Ficha da nova
Ficha da nova Enviar comentario

Tan lonxe, tan preto


Unha das imaxes da mostra

"Galicia-Cabo Verde: unha irmandade" estará en Fene outros 15 días máis. A mostra do fotógrafo ferrolán Rober Amado reflicte varios proxectos desenvolvidos no arquipélago africano polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Pode verse na Casa da Cultura de Fene ata o dia 26 de xaneiro. Rober Amado  visitou os principais proxectos apoiados polo Fondo Galego nos 11 anos de cooperación coa “Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde”. Na viaxe estivo en 6 das 10 illas que compoñen o arquipélago do oeste africano e trouxo canda si unha chea de fotografías sobre a vida diaria daquelas persoas que se viron beneficiadas pola axuda municipal canalizada a través da entidade.

Sociedade12/01/2018Autor: Redacción

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade promoveu en 2012 o primeiro concurso fotográfico "Imaxes con Fondo" co que se premian aquelas instantáneas que mellor reflicten os valores desta organización de cooperación internacional integrada por 85 municipios -entre eles o de Fene- e as deputacións da Coruña e Lugo.

O gañador da primeira edición foi o fotógrafo ferrolán Rober Amado quen, ao ano seguinte, percorreu o arquipélago de Cabo Verde para recoller en imaxes a realidade do país e a contribución do Fondo ao desenvolvemento dese territorio. Froito desa experiencia é a mostra fotográfica que se pode visitar na Casa da Cultura de Fene desde mediados de decembro. Quen aínda non pasase por alí terá algúns días máis para facelo, xa que a exposición acaba de ampliar a súa estadía ata o 26 deste mes.

As imaxes que se expoñen na Casa da Cultura acompañanse de información sobre as accións de cooperación do Fondo Galego en Cabo Verde. Son unha vintena de paneis gráficos e documentos cos que se busca achegar información sobre o labor do Fondo e, ao mesmo tempo, facilitar o coñecemento deste país do ámbito da lusofonía no que a entidade ten desenvolvido varios proxectos.

Rober Amado naceu en Ferrol en 1985. É Licenciado en Psicoloxía e fixo un Máster en Cooperación Internacional e outro en Reporteirismo. Como fotógrafo e redactor multidisciplinar ten colaborado con diversos medios estatais como El País,  La Vanguardia, La Voz de Galicia, El Temps ou Periodismo Humano. Un ano despois de gañar Imaxes con Fondo, no 2013 gañou o premio TIFLOS da ONCE na categoría ‘xornalismo dixital’.

A exposición, titulada "Galicia-Cabo Verde: unha irmandade", está instalada no corredor de acceso á biblioteca da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, onde pode visitarse ata o 26 de xaneiro.


Comentarios:
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros