11 anos botou no monte Paco da Casanova, Francisco Barcia Martinez, un dos guerrilleiros antifranquistas de Fene que durante os primeiros anos da posguerra loitou coas armas na man contra a dictadura. Paco da Casanova apareceu morto metido nun saco no río Grande e Xubia en Doso (Narón) o 22 de outubro de 1947. Esta semana cumpreuse o seu cabodano.
Nos anos da República, Paco da Casanova fora dirixente das Xuventudes Socialistas de Fene. Ao triunfar o golpe de estado de xullo de 1936, Francisco Barcia escápase ao monte temendo pola súa vida. Ao pouco organizaráse nas guerrillas coordenadas dende o Partido Comunista. En 1946 é o xefe do destacamento Manuel Eibe Ramiro Carbón do Exército Guerrilleiro de Galicia. A finais dese ano, os guerrilleiros de Regüela preparan unha fuga en barco que sairá dende o Vicedo e chegará con éxito a Francia. Paco non quere participar na escapada. Tiña un amor en Sillobre e non o quere abandonar. Barcia conta cunha ampla rede de enlaces na zona e de puntos de apoio. No estaleiro Astano e na Consructora Naval comezan a organizarse tamén grupos de apoio á guerrilla.
En maio de 1947 a Garda Civil detén en Sillobre a Segundo Vilaboy. Na casa donde se produce o apreixamento durmía tamén Paco da Casanova, que escapará polos pelos da ciada. Poucos meses despois en setembro, a guerrilla mata en Barallobre ao garda civil Manuel Camiña. As forzas da orde culpan da acción a Paco, pero él en realidade se opuxera á esa acción.
A vida dos guerrilleiros faise moi dificil. A falla de apoio internacional e o respaldo de Estados Unidos e Inglaterra ao réxime de Franco mina a súa moral. A Garda Civil infíltrase na guerrilla para coñecer e desmantelar a súa rede de enlaces e colaboradores. Todo parece indicar que un deses infiltrados é quen acaba coa vida de Paco en outubro de 1947.
Xunto con Paco da Casanova, José Vilariño Fernández, Antonio Castro López, Manuel Vilar Arnoso e moitos máis veciños de Fene participaron naquela batalla pola liberdade, pola igualdade e pola xustiza. Todos foron fieis aos seus ideais políticos, aos seus compañeiros e amigos.
Fontes:
Entrevistas orais a Daniel Romero, Sindo Seixido, María Barcia e Olimpia Barcia, enlaces e colaboradores da guerrilla.