“Hoxe, 24 de febreiro de 2010, cúmprense 173 anos do nacemento da escritora galega Rosalía de Castro. No próximo 15 de xullo, terémola presente na nosa memoria após 125 da súa morte. Nela e con ela lembramos non só unha personalidade altísima das nosas letras, senón á muller que alargou até o infinito o campo da literatura e da cultura galegas e, con el, as aspiracións a un outro papel histórico para a súa lingua e a súa patria, Galiza”.
Reza así o manifesto que a Asociación de Escritores en Lingua Galega elaborou este ano, con motivo da celebración do Día de Rosalía, un documento que leron esta tarde, de xeito simultaneo, en distintas cidades e vilas galegas. No concello de Ferrol, medio cento de persoas participaron no acto celebrado na Praza do Himno Galego e no que, amais da lectura do documento, algúns dos asistentes leron poemas da escritora de Padrón. Henrique Dacosta e Rosa Méndez foron os encargados de ler na cidade naval o manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega, un documento que, en realidade, supón toda unha declaración en defensa da lingua e cultura galegas. O propio Henrique Dacosta asegurou, ao comezo do acto, que “se está a cometer un auténtico xenocidio contra a nosa lingua” e que cómpre protexer o noso signo identitario máis esencial.