Grazas as auditorías e balances de contas, podemos coñecer ao detalle o valor real de calquera empresa. As análises sobre as cifras permiten entender o porqué do liderado de Inditex no téxtil ou os motivos detrás da fusión das caixas de aforro galegas. De igual maneira, acotío fálase da riqueza que supón para o país o seu medio rural. Porén non eramos quen de cuantificalo. Mais agora, o proxecto Bioes2, liderado pola Fundación Intercoop de Castellón, e no que colaboran as universidades de Vigo e Valencia e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), traballa en sistematizar unha metodoloxía que permita estimar de maneira fiable o seu valor, seguindo uns experimentos desenvolvidos en Estados Unidos. De resultas da investigación, calculouse que o rural comarca de Ordes vale uns 266 millóns de euros, e o do Deza arredor de 838 millóns.
A actividade cinexética en Galicia contará cun novo marco legal ao concluír a tramitación parlamentaria do anteproxecto presentado pola Consellaría de Medio Rural e cuxo deseño resulta a satisfacción da Federación Galega de Caza. “As leis teñen que ser dinámicas e adaptarse ao progreso da caza maior”, defendeu en Radiofusiòn o presidente dos 60.000 cazadores galegos federados, Javier Nogueira. Fronte ás voces que cuestionan a práctica e a súa pegada no monte, sostén que “os cazadores non somos o problema, senón que formamos parte da solución”.
A banda máis lonxeva do rock galego Zënzar presenta esta tarde en A Taberna de Cerceda “Zënzar, ao Vivo – Cerceda 09”, DVD grabado en directo en Cerceda. O acto será ás 19:00 horas e, tras a rolda de prensa, ofrecerán un pequeno concerto en acústico ás 22.00 horas con entrada de balde.
O Concello de Ordes celebrará o vindeiro sábado 19 de novembro a derradeira das actividades enmarcadas dentro do programa “Enrolarte en Igualdade”. Un programa municipal posto en marcha co fin de concienciar e sensibilizar á mocidade sobre as desigualdades de xénero existentes e fomentar actitudes igualitarias.
Milleiros de alcumes, xentilicios, refráns ou cantigas referentes a localidades galegas compílanse no Portal de ditados tópicos galegos. O proxecto, froito da colaboración do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Camilo José Cela, baséase nesta primeira fase nas fichas recollidas por Camilo José Cela nos anos setenta para o Diccionario Geográfico Popular de España (DGPE). En sucesivas etapas, a web irase enriquecendo con información procedente doutras fontes (refraneiros, cancioneiros, artigos monográficos,...) e mesmo mediante achegas do público que a consulte.