Un cabaliño de mar viaxa desde as Rias Baixas ata a costa de Ferrol. Visita as praias situadas entre Cedeira e Pontedeume e alí conversa cos peixes e animais que atopa. Trasládalles a necesidade de coidar o medio ambiente. Esa é a trama de “A viaxe do cabaliño de mar”, un traballo colaborativo no que participaron a humorista Maria Xosé Mosquera “Sex”, o profesorado e o alumnado do Colexio das Mercedarias de Ferrol. Editorial Embora publicará o libro nos vindeiros meses contando coa colaboración da Autoridade Portuaria.
Os composteláns Bakin’ Blues Band aterran mañá en Ferrol. Un proxecto musical que xorde a comezos do 2007 integrado por catro músicos de Compostela que veñen tocando en numerosas formacións da cidade dende o 1992. Nesta ocasión, e tras anos de trato coa música blues, jazz, country e soul, a proposta pretende unha destilación do que de común hai no interior destes estilos, traendo deste modo á música negra concepcións e estruturas musicais de todo estilo no que iso exista.
"Para que ...? Paraíso" titúlase a obra co que arrinca este domingo a segunda parte de Domingos a escena 2009-2010. Nesta segunda quenda a maioría de grupos de teatro serán de Ferrol e comarca. Este é ocaso da compañía de teatro afeizoado de Narón “O quetiqueiras” que representan esta peza baseada nunha obra de Jaime Salom.
A curta “Atrapado en tu tiempo” dos xóvenes ferroláns de 17 anos Gabriel Bescos, Diego Freire e Raquel Rodríguez proxéctase mañá por primeira vez nunha sala de cine. O pase da primeira creación dos novos realizadores terá lugar mañá venres nos Cines Dúplex de Esteiro ás cinco e media da tarde. A cinta, de 15 minutos, rodouse integramente na cidade de Ferrol e, especialmente, nos barrios de Esteiro e A Magdalena. Narra a historia dun rapaz que se levanta todos os días e repite as mesmas rutinas. Unha historia que xurde polo interese dos seus autores en buscar unha temática cercana á xuventude, á dolescencia e todo o que lle rodea.
Os Cines Dúplex de Esteiro cumpren o seu décimo cuarto aniversario e celébranno o venres 15 de xaneiro cunha sesión dobre ao prezo dunha. Aínda non están decididas as proxeccións pero se barallan títulos como “El erizo”, “El baile de la victoria” ou “Celda 211” no que podemos ver ao galego Luis Tosar. Un cine pequeno que aposta polo cinema europeo e o independente afastándose do circuíto comercial.