“En galego, é de xustiza” era o lema dunha campaña desenvolvida hai anos para normalizar o uso da lingua propia na administración de Xustiza. Por máis memorable que sexa esa mensaxe, o certo é que a eficacia desa propaganda non foi moita. Ao igual que acontece noutros eidos da vida cotiá, o galego é un idioma minorizado en todo o que ten a ver cos asuntos da lei, o seu ordenamento e a súa aplicación. É por iso que cómpre lembrarmos aquelos fitos que demostran que o noso é un idioma apropiado para calquera cousa, tamén para facer xustiza. O primeiro documento xurídico redactado en lingua galega foi o Foral de Castro Caldelas, datado en 1228. Durante tres séculos producíronse outro textos legais até que chegou o tempo da escuridade para a lingua. Terían que pasar uns 450 anos até que o 27 de marzo de 1985 a Sala do Contencioso Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña, formada polos maxistrados Claudio Movilla, Ricardo Leirós e Gonzalo de la Huerga emitía unha sentenza redactada en galego, abrindo un novo tempo de posibilidades para a nosa lingua na xustiza. No litixio que motivou aquela sentenza era parte o Concello de Redondela e alí vaise conmemorar esta tarde o 30 aniversario dunha sentenza histórica, non polo seu obxecto, mais si pola súa forma.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou onte en Madrid a nova campaña ‘Vinos y Camelias’, unha iniciativa da Xunta de Galicia, en colaboración coa D.O Rías Baixas e Turismo Rías Baixas, que combina dous grandes reclamos turísticos consolidados na nosa comunidade: a Ruta da Camelia e a Ruta dos Viños Rías Baixas.
Os indicadores estatísticos describen un panorama adverso para as artes escénicas (teatro, danza e xénero lírico) en Galicia. O último Documento de Traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega titúlase “Panorama estatístico das Artes Escénicas Galegas” e revela unha baixada de case o 50% do número de funcións no último lustro no sector teatral. Mantéñense os espazos escénicos, pero hai menos espectadores e tamén unha menor recadación. Unha dinámica equiparable ao caso da danza, aínda que neste caso medra o número de compañías. O panorama xeral das artes escénicas en Galicia revela indicadores negativos en case todos os sectores, sendo o teatral o máis destacado. A nivel empresarial, as compañías profesionais de teatro e danza experimentaron unha evolución negativa dos seus ingresos de explotación, cun aumento das perdas e un endebedamento cada vez máis alto.
“Como pobres somos mellores nosoutros”. Díxollo ao fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón unha das persoas coas que traballou durante a primeira fase do proxecto “Causas Comúns” que desenvolve co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o Concello de Pontevedra. En Guinea Bissau estivo a presentar por diferentes aldeas do país africano a mostra de imaxes “Europa, realidade dun soño”. A súa contrapartida, “África, soños e mentiras”, pode visitarse na Facultade de Belas Artes da cidade do Lérez. Nela Tizón recompila “imaxes de persoas na súa vida cotiá”, tentando “reflectir as miñas convivencias nas viaxes e a confianza que deixa esta xente en min”. A exposición, que itinerará por outros concellos galegos, pódese visitar até o 20 de marzo.
"O Partido Popular predica pero non practica a transparencia como o evidencia a súa oposición á toma en consideración dunha Lei de Publicidade Institucional" afirma a deputada do Bloque Nacionalista Galego Montse Prado. Para a parlamentaria nacionalista "é esperpéntico e vergoñento que se opuxeran esta semana a debater esa cuestión, cando Alberto Núñez Feijoo prometeu a inmediata presentación desa lei, en nove ocasións nos últimos seis anos".