A literatura está hoxe de loito tras coñecerse a nova do falecemento do escritor Agustín Fernández Paz, un dos autores máis lidos e máis recoñecidos das letras galegas. Fernández Paz foi colaborador de Radio Fene, onde elaborou en 1984 o programa A Fervenza sobre o bó uso da lingua galega. Agustín rexeitou en 2010 o Premio da Cultura Galega concedido pola Xunta de Galicia en protesta pola política practicada dende o goberno autónomo. "Nin a actual Xunta nin o seu presidente, responsables ante a Historia de lexislaren por vez primeira contra a nosa lingua, e polo tanto contra o marco xurídico e fronte ao consenso que posibilitou a súa presenza pública, poden atribuírse agora o papel de benfeitores da cultura galega'' indicaba o literato.
Conta atrás para unha nova edición da Festa da Veciñanza, xornada de convivencia interxeracional que organiza a Concellería de Cultura e Ensino de Fene, coa colaboración do movemento asociativo do Concello, e que terá lugar este mércores, 13 de xullo, na Praza do Concello. A Festa encádrase no ciclo do Día da Patria Galega que comezou o pasado venres cun concerto de Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre e que concluirá este xoves coa lectura da Declaración Institucional do Día da Patria Galega no parque liñal do Río Cádavo, a cargo de Paloma Rodríguez Vázquez.
O grupo Sisters in the house actua esta noite na Praza do Concello de Fene. Trátase dun coro de música moderna integrado exclusivamente por mulleres e fundado na cidade da Coruña no ano 2008, por Carmen Rey (piano, dirección musical e arranxos) e Ángeles Dorrio. Stevie Wonder, Michael Jackson, Ray Charles ou Beyoncé son algúns dos artistas versionados por estas 20 cantantes galegas que decidiron unir as súas voces para ofrecer un espectáculo tan único coma novidoso na nosa terra. Amais dos clásicos da música negra, no seu repertorio inclúense temas da música popular galega, “arranxados dende unha visión máis actual”.
“As versións axudan a conectar co público” afirma o músico Jose Angel Piñeiro, que ven de editar o disco “Trovador”. “Tiven etapas máis rockeiras pero agora opto polo blues latino, o country, sen esquencer todas as rancheiras que escoitei de neno na miña casa" salienta.
Co espectáculo “O mago e o ilusionista”, a cargo dos magos Kiko e Román García Pastur continúa esta noite na Praza do Concello de Fene o ciclo do Día da Patria Galega, promovido pola Concellería de Cultura e Ensino do Concello de Fene. A función comezará ás 22 horas, con entrada libre e baixo carpa.