A Asemblea Galegas 8M convidan a todas as mulleres a secundar a folga do 8 de marzo, na medida das súas posibilidades. Para que isto sexa posible, é moi necesario que os homes se impliquen. Pero, cal debe ser o papel dos homes na Folga? No traballo, non fagades paros nin folga; amosade o voso apoio doutros xeitos, por exemplo, xuntando cartos en petos de resistencia para que as compañeiras en peor situación económica non teñan que elixir entre a folga e o salario dunha xornada. No coidado e no consumo, encargádevos das compras, da limpeza do fogar, da atención ás crianzas ou a outras persoas a cargo. Deste xeito, as vosas compañeiras poderán ir tranquilamente á folga sen preocuparse polo benestar doutras persoas nen ter que facer o dobre de traballo o día seguinte. Axudade a difundir as distintas convocatorias e acudide ás manifestacións, posicionándovos nun lugar onde non quitedes protagonismo ás mulleres.
A Xunta de Goberno Local celebrada en Fene a primeira hora deste xoves acordou iniciar o expediente de contratación das obras de protección das marxes do río Cádavo entre a rúa Cardoeiro e a rúa Camiño Real. O obxectivo da actuación é reforzar a ribeira para que a auga non continúe danando a cimentación da rúa e, ao mesmo tempo, repoñer o firme e as varandas da beiravía. As obras licitaranse cun prezo de saída próximo aos 80.000 euros e fináncianse con cargo ao POS+ 2017.
Con teatro o día 7 de marzo e un recoñecemento ás lavandeiras o día 9, conmemora o concello de Fene o Día Internacional da Muller 2018. A concellería de Igualdade cambia este ano Maratón de lectura "Lendo mulleres" por obradoiros nos centros escolares, arredor da igualdade e do 8 de marzo.
A comisión de festas de Perlío comezou as súas actividades preparatorias das actividades do verán. Xa ten adiantado o programa dos festexos estivais. As festas dos Santos comezarán o venres, 18 de maio, coa orquestra Trebol e un grupo. O sábado 19 de maio actuarán en Perlío, a Orquestra Compostela e Israel. Xa o domingo 20 de maio tocará a orquestra Atlanta.
CCOO mobilizarase o 10 de Marzo baixo o lema «á ofensiva contra a precariedade» Tras a ofrenda floral e a manifestación, o sindicato entregarálles os Premios 10 de Marzo ao operario naval Aurelio Ledo Estévez, á profesora Olga Zurrón Recio e ao economista e ex-presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño. O sindicato fai un chamamento á sociedade galega para «emprender a necesaria ofensiva contra a precariedade laboral», como apunta no manifesto que fai público con motivo desta data. Os indicadores económicos amosan unha realidade de crecemento, «que non vén acompañada de progreso para a clase traballadora».