Boa receptividade do deputado provincial, José Manuel Pequeno Castro, na visita desta mañá o Concello de Fene, acompañado do Alcalde, Juventino Trigo, e do concelleiro de Obras, Antón Noceda. Os representantes municipais amosáronlle tres viais propiedade do órgano provincial, nas parroquias de Barallobre, Maniños e Magalofes onde o concello ten intención de mellorar a seguridade viaria coa construcción de beirarruas ou outras solucións alternativas para os peóns.
"Polo mal tempo esta semana hai pouco choco da ría" afirma o xerente e cociñeiro do mesón Aturuxo de Fene Jorge López Rocha. Non renuncia a reinventar a cociña tradicional, acude todos os dias ao mercado da Magdalena en Ferrol para adquirir alí os produtos máis frescos, aos que logo lle intenta extraer todos os sabores, cores, aromas e texturas para ofrecerllos á clientela.
O Museo do Pobo Galego presénta unha escolma das imaxes realizadas polo fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón, ao longo de vinte anos de percorridos por Galicia. Inaugúrase o xoves 18 de febreiro, ás 19:30. "Entre nós" é unha serie de imaxes cotiás, un conxunto de escenas diversas e familiares nas que todos podemos recoñecer moitos deses rostros e paisaxes. Foi en Casablanca, da man do Instituto Cervantes, onde primeiro se mostraron a maioría destas fotos, que agora ven a luz en Galicia. Gabriel Tizón é un buscador infatigable de paisaxes humanas. Alí onde vaia, sexa en Europa ou no Magreb, en África subsahariana ou en Indonesia, nas ribeiras do Mediterráneo azoutadas pola gran vaga migratoria dos que foxen da violencia na procura dun refuxio seguro para si e as súas familias, ou na súa Ferrolterra natal, empuña a cámara como un apéndice da súa mirada atenta para retratar os seres humanos que o rodean, coa maior obxectividade posible, sen deixar que as emocións medien no seu traballo.
"Un trago en Barriga verde" de Manuel G. Bonome estréase o venres no Ateneo ferrolán, ás 20h. Unha curta, realizada en decembro de 2015, que nos presenta un dilema, o papel que desempeñan as novas tecnoloxías na nosa vida cotiá. Manuel González Bonome, natural de Sillobre- Fene- constata que é frecuente ver grupos, parellas e mesmo familias reunidas ao redor dunha mesa, pero sen apenas cruzar palabra entre si, centradas unicamente no móbil ou outros dispositivos similares. Na obra, o autor mostra como algunhas ferramentas poden provocar situacións incómodas no ámbito social. O nome da obra xorde de varias ideas, fundamentalmente de que o Día das Letras Galegas do ano que vén será en honra a Manuel María. Unha das obras do autor titúlase Barriga Verde, historia do personaxe homónimo e nome artístico de José Silvent, quen foi pioneiro nos espectáculos de marionetas da Galicia de mediados do século XX.
EU de Fene propón recuperar o proxecto de declaración de zona azul en determinadas rúas do Concello. Son áreas de estacionamento controlado cun límite máximo de tempo. Na avenida do Concello, diante de bancos e supermercados, onde se realizan xestións puntuais e resulta complicado aparcar. A concelleira desta formación, Mª Carmen Martínez, defendeuno no pleno e reiterouno no espacio As Foxas de Radio Fene.