O Concello de Ordes súmase un ano máis á conmemoración do Día contra a Violencia de Xénero neste 25 de novembro. Este ano o lema escollido é “Detrás de cada vítima hai un maltratador, que non quede sen axuda, que non quede sen castigo”.
A Asociación Forestal de Galicia celebra esta fin de semana no Concello de Ordes un curso sobre sanidade forestal. O curso divídese nunha sesión teórica e outra práctica no monte, e oriéntase a conseguir que os propietarios forestais poidan identificar as pragas e poñer en marcha mecanismos de loita e/ou prevención a tempo, cuestión fundamental se se queren evitar danos cuantiosos nas plantacións. A sesión teórica terá lugar no recinto feiral do Mesón do Vento, mañá venres 26 de novembro ás 19:00 horas, e o sábado día 27 ás 10 da mañá impartirase unha clase práctica nos montes dos arredores.
O Concello de Ordes puxo onte en marcha un curso de atención psicosocial a enfermos crónicos, que se celebrará ata o próximo 29 de novembro no Centro Comarcal de Ordes de luns a venres de 16 a 19:30 horas.
O municipio ordense chegou esta mañá aos 13.000 habitantes. O alcalde de Ordes, Manuel Regos, mostrou a súa satisfacción por ter alcanzado esta cifra que asegurou, “é mostra do crecemento do noso municipio e que cada vez son máis as persoas que queren vivir en Ordes e gozar dos servizos que ofrece o concello”. Tal e como explicou o primeiro edil, este era un dos seus retos á hora de chegar á alcaldía, facendo así do municipio un lugar idóneo para a vida tanto de nenos como de maiores e de familias en xeral.
O Concello de Ordes, a través do programa de Voluntariado Verde, levará ós diferentes centros educativos da vila obradoiros sobre reciclaxe, que levan por título "Reciclaxe Divertida", programa co que se pretende que os máis xoves aprendan a separar os elementos do lixo e coñecer e empregar de forma axeitada os contenedores de reciclaxe dun xeito moi didáctico e divertido.