A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vén de recibir unha subvención de 278 mil euros da Consellaría de Traballo e Benestar para o cofinanciamento da prestación dos servizos sociais aos sete concellos da comarca (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo). Uns servizos nos que a Mancomunidade de Ordes oferta unha novidade: un programa de intervención con discapacitados, que recibe unha axuda de 9 mil euros.
O Concello de Ordes puxo en marcha un curso de atención a persoas dependentes, dirixido a mulleres desempregadas, promovido a través do Centro de Información á Muller e que está financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Son un total de 18 mulleres ordenses as que participan nesta iniciativa, cuxas clases teñen lugar de luns a sábados de 8 a 15 horas nas instalacións da antiga escola.
O Concello de Ordes organiza o próximo sábado día 13 de novembro o tradicional magosto popular para veciños e visitantes do municipio. A celebración comezará a partir das 17 horas na Alameda ordense. Haberá unha degustación gratuíta de castañas para todos os asistentes. Unha festa con carácter gastronómico na que non faltará a diversión nin tampouco a boa música que terá como protagonista á Asociación Grupo de Gaitas Os Viqueiras.
Un cazador de Ordes (A Coruña) faleceu, ao parecer, por un disparo accidental esta mañá nun monte da municipio, ao que acudira cun grupo de persoas. Segundo informaron fontes do 112 e do Grumir de Ordes, o home recibiu, segundo os primeiros indicios, un disparo de escopeta accidental mentres cazaba cun grupo de persoas nun monte do lugar de Nouche.
O próximo luns día 8 de novembro o Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá a presentación mundial do filme “The Way”, rodado durante sete semanas no Camiño de Santiago. O director Emilio Estévez e o seu pai, Martin Sheen, protagonista do filme, estarán en Compostela para dar a coñecer oficialmente a película, producida por Filmax e patrocinada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e pola Xunta de Galicia.