O guitarrista estadounidense Adam Bomb visita Galicia esta semana. Actuará no Pub Gatos de Melide o mércores, 6 de xaneiro, a partir da unha da madrugada. O músico conta cunha ampla discografía desde o ano 1981 e ten traballado con artistas da talla de Cliff Williams de AC/DC ou co baixista de Led Zeppelin John Paul Jones. Ademais, xunto ao seu grupo ten acompañado a grandes como WASP, Metal Church ou Metallica nalgunha das súas xiras.
“Un cuartel, unha bandeira e pouco máis. Moitas veces, cando chegas a pedir servizo non hai axentes”. Así debuxan a realidade da Garda Civil en Galicia dende o propio corpo da Benemérita. A Unión de Gardas Civís demanda unha reorganización do Instituto Armado que elimine dependencias redundantes, arredor de medio cento na Comunidade, e concentre aos axentes para fornecer de máis persoal a uns cuarteis centrais. Isto conlevará “máis cobertura horaria e máis seguridade cidadá”, xustificou en Radiofusiòn un dos representantes do colectivo, José Antonio Barrios.
O recinto feiral de Arzúa ateigouse esta mañá de criadores e produtores de capóns que expuxeron e venderon os mellores exemplares que criaron durante os últimos meses. Galos e galiñas piñeiras, capóns cebados e galos vivos estiveron presentes dende primeira hora da mañá agardando a que algún comprador os convertese no prato estrela das Festas do Nadal. Había máis exemplares ca en calquera outra edición e a parella vendíase dende moi cedo arredor dos 100 euros. A maioría dos alí presentes procedían dalgunha das parroquias de Arzúa, se ben tamén fixeron acto de presenza no recinto criadores de concellos limítrofes como Melide, O Pino e Touro.
O Concello de Boimorto vai organizar o vindeiro 3 de xaneiro de 2010 o Certame de Cantares de Reis. Nel participarán cuadrillas de reiceiros de todo o país para facerse cos 2400 euros que se repartirán en premios. O consistorio agarda que o concurso repita o grande éxito de participación e afluencia que se obtivo na edición de 2009.
O Concello de Arzúa acordou na Xunta de Goberno, celebrada esta mañá, a adxudicación das obras de acondicionamento e mellora do parque infantil da localidade unha vez que xa se obtivo a oportuna autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e se asinou o correspondente convenio de colaboración coa Deputación Provincial. A empresa Construccións Deportivas José Ramón será a encargada de levar a cabo nos vindeiros meses unha actuación que permitirá mellorar considerablemente a imaxe do recinto e, sobre todo, incrementar de xeito notable a seguridade dos nenos e nenas que empregan as instalacións.