A Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Lugo aprobou hoxe, venres 18 de xuño, a contratación da obra de mellora e dotación de servizos nas rúas Deputación e do Mercado na vila chairega de Guitiriz por valor de 735.000 euros. Estas rúas, que na actualidade presentan importantes deficiencias, sitúanse no treito da estrada provincial que atravesa o núcleo urbano e constitúen o principal acceso de Guitiriz á A-6.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) presentará o proxecto de Casa Museo Manuel María hoxe a partir das 20.30 horas no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, e no que participa a área de Cultura da Deputación de Lugo, dirixida polo nacionalista Antón Bao. No acto intervirán Saleta Goi, presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, Alberte Ansede, secretario desa Fundación e Manuel Roca Cendán, directivo do IESCHA.
A agrupación lírica “Ofelia Nieto” ofrecerá mañá, a partir das 20.30 horas, un concerto no Auditorio Carmen Estévez que leva por título “Cantiga Lírica Galega” e que está englobado no programa Xacobeo Classics. A entrada será de balde.
A noite de San Xoán non é o mesmo en Galicia sen unha boa sardiñada e como Vilalba non quere quedar atrás, organizou para o día 23 de xuño, a partir das 21 horas, unha boa festa, na que este peixe á brasa será o bocado principal nun menú aberto a toda a veciñanza e que contará tamén con empanada, liscos e queixo de San Simón.
O Campo municipal de fútbol de Guitiriz acollerá, o domingo a partir das 16.30 horas, as finais de 1ª autonómica e Preferente da XXVII Copa Deputación de Lugo de Fútbol, ademais da feminina, tal e como comunicou onte o delegado de Cultura e Deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, na presentación do evento. No acto acompañaron a Antonio Veiga o delegado da Federación Galega de Fútbol e director deportivo do CD. Lugo, Carlos Mouriz, máis a concelleira de Deportes de Guitiriz, Sandra Freire.