O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia mantén a vixencia do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario. A Xunta informou ás sete deste serán, a través dun entusiasta comunicado, que o alto tribunal galego tomou a decisión o pasado luns, 13 de setembro, de manter en vigor o texto e desbotar a súa suspensión cautelar, tal e como se podería derivar do recurso presentado pola Mesa pola Normalización Lingüística. A interpretación que o Goberno galego tira da decisión do Tribunal sostén que este “non observar prexuízo irreparable ao galego coa aplicación do decreto”. Para o presidente d'A Mesa, Carlos Callón, a Consellaría de Educación está a manipular interesadamente o auto -"que non sentenza", precisa-, e que esta tarde aínda non fora remitido á asociación que presentou o recurso. Callón teimou en declaracións a Radiofusiòn en que este é "só o principio da vía xurídica".
Unha persoa que paseaba pola praia da Ladeira, no concello coruñés de Boiro, localizou o cadáver dun home que desaparecera o xoves tras ir a bañarse a ese mesmo areal. Segundo explicaron fontes da Central de Emerxencias 112-Galicia, a chamada de alerta deuse sobre as 21.53 deste xoves, cando un particular solicitou os servizos de emerxencias tras localizar na praia da Ladeira o corpo dun home.
O Presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, asistirá o vindeiro luns, 13 de setembro á unha e media da tarde, ao acto de inauguración da construción de beirarrúas na estrada provincial C.P. 1104, entre Amanecida e Beluso, na parroquia de Bealo (CP 1104 Boiro a Ponte de San Francisco, P.K. 8,4 a 10, 15). O importe da actuación ascendeu a 275.200 euros, que foron aportados pola Deputación da Coruña.
Esta mañá presentouse ante o Observatorio Galego da Biodiversidade a proposta de creación dun Parque Natural na área de Monte Pindo no Concello de Carnota, acompañado dun informe que acredita o interese científico e ambiental que garda esta zona. Este documento foi asinado por expertos recoñecidos na área de Conservación da Natureza, entre os que figuran preto de 25 profesores das Universidades de Santiago e de A Coruña, diversos investigadores, e tres representantes do Observatorio Galego da Biodiversidade: o ecoloxista de ADEGA Martiño-Fiz López, o ecoloxista da Sociedade Galega da Historia Natural (SGHN) Serafín González, e Pedro Galán, profesor de Zooloxía da Universidade da Coruña.
O Concello de Boiro adxudicou á empresa “Nosa” a reparación de toda a Avenida da Constitución, que será asfaltada cunha capa de microasfalto e se pintará toda a sinalización horizontal. Os traballos empezan nesta xornada no tramo comprendido entre os semáforos do cruce coa Avenida de Barraña ata a rotonda de Cimadevila. Por mor destes traballos prohíbese o estacionamento en toda a rúa a partir das 00:00 horas da pasada madrugada. O goberno boirense elixiu este día, festivo local pola celebración de San Ramón de Bealo, para entorpecer o menos posible o tráfico e causar as menores molestias posibles a veciños e comerciantes deste vial.