Cruzar os dedos, tocar madeira, levar un trebol de catro follas, fuxir dos gatos negros... Todas as precaucións son poucas para asistir ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que celebra unha edición cuxo número nin os organizadores se atreven a pronunciar. Arredor das supersticións, tema recorrente na literatura oral e escrita, xira este evento que cumpre 12+1 anos. O Salón abrirá as súas portas o domingo no Pazo da Cultura da Cidade do Lérez e prolongarase ata o 31 de marzo.
Relatar unha vida tan complexa como a de Valentín Paz Andrade de xeito accesible para o público infantil e xuvenil foi o reto que se marcou Charo Portela. “Quixen abarcar todas as súas facetas”, explica autora de Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, quen asegura que o protagonista do Día das Letras Galegas 2012 “pode e debe ser un exemplo” tanto para pequenos como para maiores.
Os fondos de Caixagalicia e Caixanova conforman Coordenadas na arte galega contemporánea, un novo espazo que acaba de abrir as súas portas en Vigo. A montaxe colle o relevo do Espazo da Colección Novacaixagalicia, pero trocando o espírito cronolóxico por unha exposición de corte temático, na que se pon o acento sobre os novos creadores, acompañados nalgúns casos por clásicos modernos. “Son artistas moi valentes que contan cunha enorme imaxinación e paixón” asegurou en Radiofusión a responsable da proposta, Paloma Vela.
A deputada socialista por Pontevedra Carmela Silva e o secretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez entran a formar parte da executiva federal do PSOE, á luz da candidatura dada a coñecer a primeiras horas desta mañá por Alfredo Pérez Rubalcava. Silva encargaráse da secretaría de Inmigración, mentres que Vázquez figura como vogal. Serán os 2 representantes galegos nun órgano de dirección de 38 persoas. Sumaráse a eles o alcalde de Vigo Abel Caballero, como membro nato en función do seu cargo como vicepresidente da FEMP.
Non só ao Ebro lle deu por desembocar en Vigo. A frase da cantora aragonesa Carmen París alude ao grupo Berrogüetto, segundo nos descubre Xoán Manuel Estévez no número de xaneiro da revista Tempos Novos, ao fio do libro – CD- DVD de Fernando Neira denominado “O pulso da terra” e publicado por Galaxia.