Este domingo terá lugar o penúltimo dos roteiros organizados pola asociación ecoloxista ADEGA polo Camiño Primitivo, que transcorrerá entre Paradavella, en A Fonsagrada, e Cádavo, en Baleira, e que terá 14 quilómetros de duración. Con esta serie de rutas, a organización pretende amosar as “innumerables alteracións humanas deste camiño, que merecen ser coñecidas e denunciadas”.
O IES “Poeta Díaz Castro” de Guitiriz acollerá, desde mañá e ata o vindeiro 30 de maio, a exposición itinerante “Un Mundo de Enerxía”, do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), organismo dependente da Consellería de Economía e Industria. A través desta mostra preténdese mellorar a comprensión sobre a importancia dos recursos enerxéticos e fomentar o coñecemento sobre as fontes de enerxía, entre outros aspectos. Esta exposición é un espazo didáctico e interactivo e realiza un percorrido que permite ao visitante adquirir coñecementos básicos sobre os diferentes tipos de enerxía, a súa transformación e o seu consumo.
A asociación ecoloxista ADEGA ven de denunciar un novo verquido que se produciu no río Magdalena polo mal funcionamento da depuradora de Vilalba, que non é capaz de separar as augas fecais e pluviais en momentos de gran volume de chuvias, como foi o caso do pasado venres.
O ruído dos motores, a habilidade dos pilotos e os fermosos carenados das motos de enduro tomarán os montes de Saldanxe e de A Pastoriza, na primeira proba puntuable do Challenge de Cross Country que se organiza neste Concello Chairego. A cita partirá do circuíto de karting da vila lucense contra as 12.30 da mañá do sábado 22 de maio e celebrará dúas mangas de 15 quilómetros por un circuíto polas fragas do municipio. O evento presentouse hoxe na Deputación de Lugo en contou co presenza do vicepresidente 1º da Deputación de Lugo, Antón Bao; a primeira tenente de alcalde de A Pastoriza, Elba Carreira; de Carlos Zapata, presidente do Club HP e organizador da carreira, e Antonio Solozano, director do circuíto de Kárting de A Pastoriza.
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado achegou o novo modelo de participación xuvenil ás asociacións de mozos da comarca da Terra Chá nun acto que tivo lugar hoxe na Casa da Xuventude de Vilalba. Ademais, o representante de Xuventude, Francisco García Quiroga, informou aos presentes das axudas que, por primeira vez, inclúen aos grupos informais aínda que non estean constituídos oficialmente como asociación. O prazo para presentar as solicitudes rematará o vindeiro 7 de xuño.