De floración temperá nos meses do outono e inverno a Camelia Sansaqua é máis resistente que a xapónica a temperaturas extremas e chans menos ácidos. Plantas ben formadas, uniformes e con moitos botóns de flor. Esta fin de semana celébrase na Casa da Cultura “Ramón Martínez López” de Boiro a “VI Exposición da Camelia Sansaqua e outras 2009” . Un gran escaparate desta flor e das súas variedades como a Hino de Humo, a Cleopatra e a Kanjiro, en cores branco, rosa pastel e rosa carmín.
O Club Ciclista Barbanza, coa colaboración do Concello de Boiro, organiza o XXII Trofeo Ciclo – Cross Concello de Boiro, que se desenvolverá mañá domingo, día 6 de decembro, na localidade. A proba ciclista, para as categorías de cadetes, féminas, xuvenís, seniors, master 30, master 40 e veteranos, sub 23 e elite, terá lugar no pinar de Praia Xardín e conta xa con máis de 150 participantes inscritos.
A Consellería do Mar vai modificar o Plano Galego de Acuicultura aprobado polo bipartito en 2008, para mudar o réxime de acceso á propiedade dos terreos. Se no plano do bipartito, as terras eran de propiedade pública cedidas por concesión temporal, coa modificación que a Xunta pretende introducir déixase nas mans das empresas a merca dos terreos.
Os tripulantes do Alakrana abrazaron xa aos seus seres queridos a primeiras horas desta mañá. O atuneiro vasco chegou a Porto Victoria nas illas Seychelles, onde estaban agardando, entre outros, os familiares dos oito mariñeiros galegos.Tres dos tripulantes foron trasladados a un centro hospitalario para realizarlles un chequeo e comprobar se se atopan en condicións de coller o vóo con destino Madrid que sairá ás 8 desta tarde.
Non é un aniversario para facer festa, pero o anunciamento do Goberno central de que trasladará o Centro para a Prevención e Loita Contra a Contaminación Marítima e Litoral (CEPRECO) dende a Coruña ata Madrid, semella un mal chiste na véspera do sétimo cabodano do accidente do Prestige. O BNG denuncia a indefensión galega ante a decisión, e atopou apoio no presidente da Xunta. Ademais, os nacionalistas pretenden que se lle concedan a Galicia todas as competencias relativas á seguridade no mar. A asociación ecoloxista ADEGA, pola súa banda acusa ás administracións de desidia.