A manifestación dos bombeiros e membros dos servizos de urxencias, que esta mañá partiu na Coruña da Palloza terminou cunha carga policial. As forzas de seguridade cargaron en dúas ocasións contra os manifestantes. Os sucesos colapsaron o tráfico no centro da cidade herculina durante boa parte da mañá. .
A Sociedad General de Autores e Editores (SGAE) devolverá ao sete asociacións veciñais de Cambre (A Coruña) o diñeiro que lles cobrou, en concepto de dereitos de autor, pola celebración este sábado dun maratón solidario para recadar fondos para os damnificados polo terremoto de Haití. Nun comunicado, estas asociacións denunciaron onte que a SGAE lles cobrou unha taxa de 243,60 euros "coma se o evento consistise nunha festa calquera sen finalidade solidaria". "Indicaron que para solicitar a exención, había que tramitala cun mes de antelación a través dunha páxina web" indicaron os organizadores do evento.
Arredor dun 2% das adopcións conclúen co retorno dos nenos ao seu lugar de orixe e nun 12% dos casos prodúcense graves problemas de adaptación. Para loitar contra cifras coma estas as Fundacións María José Jove e Rosa Caja Mediterráneo decidiron sumar forzas e por un proxecto que cualifican de “pioneiro”. Baixo o título de A adopción: pasado, presente e futuro reúnense variadas propostas que se van pór en marcha ao longo de 2010 e no primeiro trimestre de 2011.
Un premio único de 2000 euros en metálico recibirá o autor ou autora do traballo gañador do XIII Concurso de poesía Concello de Carral. Presentaránse obras orixinais, inéditas e cunha extensión non inferior aos 400 versos. O prazo de admisión de orixinais rematará o 31 de marzo.
Walter White medrou nunha familia musical preto de Detroit, Michigan. Inspirouse nunha idade temperá pola música de Ludwig Von Beethoven e Louis Armstrong. Actuará na Coruña o martes 19 de xaneiro dentro do Festival Iberojazz e volverá a Galicia en xuño para ofrecer dous concertos no marco do Imaxina Sons, Festival de Jazz de Vigo.