A corporación de Fene demanda a devolución do pazo de Meirás ao patrimonio público. O Concello incorporouse á xunta pro-devolución do pazo. No Pleno celebrado na tarde de onte prosperaron dúas mocións, a primeira consensuada polo goberno municipal co PSOE e Somos Fene. A segunda presentada polos populares completaba á primeira e demanda á Xunta de Galicia que estude unha fórmula xurídica para recuperar a edificación. Aprazouse o nomeamento da persoa que representará a Fene na xunta pro-devolución do pazo. O BNG propoñía ao alcalde ou á concelleira de cultura pero finalmente escollerase en comisión.
As triatletas ferrolanas, Camila e Melina Alonso, inauguraron esta mañá o programa de prevención da obesidade e contra o sedentarismo "Móvete máis e alimentate mellor" no colexio O Ramo de Barallobre. As dúas atletas falaron diante do alumnado sobre a súa experiencia co deporte na infancia na Arxentina, e sobre as bondades da actividade deportiva nas nosas vidas. Camila Alonso citou en Radio Fene os retos máis inmediatos da súa carreira deportiva. O mundial e os xogos olímpicos de Xapón están no horizonte das triatletas.
Un veciño de Fene atopou de xeito casual un sobre con 2.000 euros na avenida Marqués de Figueroa. Acudiu a entregar o achádego ás oficinas da Policia municipal. Os axentes examinaron o sobre e comprobaron que tamén incluía unha cartilla dunha entidade bancaria. Fixeron as pesquisas necesarias ata dar co propietario, un home de 80 anos veciño da Rúa Alta en Perlío.
Cortacéspedes manuais de todo tamaño e condición, cortacéspedes de asento, serras mecánicas, cortasetos, desbrozadoras, sopladores e aspiradoras...Un gran surtido de aparellos para coidar o xardín e as zonas verdes atopamos en Maquigarden unha empresa de recente apertura na estrada da Palma nº 142, nas antigas instalacións de Galerías Otero, en Maniños- Fene.
O primeiro que chama a atención cando chegas ao número 16 da rúa da Fraga de Fene, esquina coa praza Ramón Souto, é o nome que reza na porta da nova tenda "Un pedacito de mi" cun corazón no punto do i. Dúas mulleres, Belén López e Sandra González, son socias desta nova iniciativa empresarial que apenas ten un mes de vida. A tenda de roupa infantil inaugurouse o pasado 26 de agosto e abríu as portas o luns 28. Por se o nome da tenda non fose suficientemente elocuente, mesmo se entra topamos co lema " Todo comienza con un sueño".