A Casa da Muller acolle a partires do vindeiro venres, 18 de febreiro, unha nova exposición, composta por orixinais esculturas de barro realizadas por Pilar Fernández. Poderase visitar ata o 7 de marzo, de luns a venres, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, con entrada de balde.
O Concello de Ferrol convida aos mozos e mozas de Ferrol a participar este luns nun vídeofórum organizado pola Concellería de Xuventude co gallo da celebración do Día de San Valentín. Será ás 20.00 horas e incluirá a proxección da longametraxe “Un paseo para recordar”, de Adam Shankman, e o posterior debate e posta en común sobre a temática da cinta. A entrada á actividade é gratuíta.
A bibliotecaria Sonia Iglesias presidirá o xurado do certame de cartas de amor de Fene. Formarán parte ademáis representantes dos grupos políticos da Corporación local. O concurso cumpre 12 anos e premiará á persoa que escriba a carta gañadora, cunha cea para 2 persoas e a estancia dunha noite no Parador de Turismo de Ferrol. O fallo do xurado daráse a coñecer o vindeiro domingo dia 13, víspora do San Valentín, patrono dos namorados. Quen desexe participar debe enviar unha carta de amor, en lingua galega, en prosa ou en verso, mecanografada ou escrita a man sempre que sexa lexible. O prazo de recepción de traballos fecharáse ás 12 desta noite.
O grelo do Val de Xestoso está no seu punto pero, sen saber porqué, estase vendendo mal esta temporada. Os productores da cooperativa agardan mellorar as vendas de aquí ao 27 de febreiro, dia da Festa do Grelo. Cadra tan tarde este ano o antroido que teñen medo a que o grelo escape antes, se o tempo metereolóxico non se porta.
A Asociación Cultural O Tadetas encárgase de novo este ano da coordenación da Festa do Antroido en Fene. O concello investirá 4.400 € na celebración que ten o seu dia grande o mércores de cinza, festividade local. Todos os elementos do carnaval fenés mantéñense: a orquestra local, o meco Antón, o testamento e a falla final que, nesta ocasión, versará sobre a Lei do tabaco. O xornalista, Pichi Varela, conducirá a actuación das comparsas que teñen ata o 25 de febreiro para apuntarse.