5 comentario/s - Envía a túa opinión
Medio millón de metros cúbicos de madeira esnaquizados no chan é unha medida que serve para lembrar o efecto devastador do vendaval alcumado Klaus, o que nos fixo coñecer o que é unha cicloxénese explosiva, e que sacudíu Galicia hai hoxe un ano. Os montes da Comunidade Autónoma foron achanzados polo vento e aínda hoxe queda madeira por recoller. Foron precisos ata o momento 18 millóns de euros para reparar todo canto ficou estragado pero a Xunta afirma que a pegada de Klaus xa case foi borrada e todos os compromisos da Administracións cumpridos. “Non de todo”, responden os propietarios dos montes. Láianse dunhas subvencións para a recuperación da masa forestal que só se lle concedan a fincas maiores dunha hectárea. “Desaténdese a realidade minfundista do país”, segundo a presidenta da Federación de Produtores de Madeira de Galiza (Promagal), Teresa Rañal.
6 comentario/s - Envía a túa opinión
Compostela converteuse esta semana en centro das reivindicacións dos agricultores e gandeiros galegos. A organización xuvenil Adiante (Mocidade Revolucionaria Galega) está a desenvolver na capital galega as xornadas “A Mocidade Galega en Defensa do Agro”. Unha iniciativa cargada de actividades que converteron a aposta por un consumo local e sostible da Asociación de Labregos Lentura, da cooperativa de consumo Eirado ou dos Grupos de Responsabilidade Compartida do Sindicato Labrego Galego en protagonistas dun foro de debate;, e ao cabalo de pura raza galega no centro dunha palestra que promove a súa recuperación. As actividades prolongaranse ata o sábado e compaxinarán charlas, proxeccións, recitais, obradoiros, concertos e mesmo un Open de Billarda.
6 comentario/s - Envía a túa opinión
Recuperar o protagonismo do sector lácteo galego. Iso é o que quere o BNG e para conseguilo vén de presentar unha proposición de lei no Parlamento Galego que permita a creación de interprofesionais no sector agroalimentario. Uns mecanismos que gozarían de amparo legal e que tomarían decisións de obrigado cumprimento. A portavoz de Medio Rural do grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego, Tareixa Paz, asegurou nunha entrevista a Radiofusión que o sector lácteo atópase actualmente nunha grave situación non só pola caída dos prezos en orixe, senón tamén polo anuncio dalgunha industria de deixar de recoller o leite aos gandeiros. Para Paz isto demostra que o acordo ao que se chegou en xullo en Madrid non serve, nin tampouco as medidas adoptadas pola Xunta e que, segundo a parlamentaria nacionalista, só tiñan como obxectivo neutralizar as mobilizacións dos produtores.
1 comentario/s - Envía a túa opinión
As empresas eólicas que adquiren terreos para instalar aeroxenadores pagan aos propietarios das terras entre 5 e 15 veces menos do seu valor real. Sinálao así un estudo realizado por economistas da Universidade de Santiago de Compostela, a petición do sindicato Unións Agrarias, no que se pon de manifesto que o actual sistema de taxación prima os intereses das grandes empresas e resulta lesivo económica e socialmente para o medio rural. O secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, explicou nos micrófonos de Radiofusiòn as claves deste informe e as súas palabras centraron o programa Onda Rural.