Envía a túa opinión
Carlos Núñez ofrecerá mañá sábado o seu primeiro concerto sinfónico en Galicia. O artista actuará acompañado pola Orquestra Sinfónica de Galicia e pola mítica banda de folk irlandesa The Chieftains como convidada especial. A cita, enmarcada na programación do Xacobeo 2010, celebrarase na Praza do Obradoiro a partir das oito e media con entrada libre ata completar o aforo.
Envía a túa opinión
Mamed Casanova é O fillo da furia. Este é o título elixido polo guionista sarriao Manolo López Poy e polo ilustrador barallense Miguel Fernández para contarnos a historia do último e máis famoso bandoleiro galego de comezos do século XX. O volume xa está nas librarías, publicado por Demo Editorial. Unha banda deseñada próxima á novela negra, cargada de suspense, que trata de achegar a cara e a cruz deste mítico personaxe.
Envía a túa opinión
“A cultura leva 30 anos centrada no espectáculo e non tocou os catro temas básicos nos que nos xogamos o futuro da humanidade: a ecoloxía, a distribución do capital, o valor de compartir e o impulso dunha democracia máis viva”. Toni Puig, coñecido como o gurú das cidades, deixou esta opinión nos micrófonos de Radiofusiòn, unha opinión sobre a que profundará este sábado en Santiago durante a súa participación no Mercado Atlántico de Creación Contemporánea.
Envía a túa opinión
Os grovenses Nadadora veñen de publicar o seu terceiro LP baixo o título Luz, oscuridad, luz. Un traballo con 11 temas que nos ofrece cortes e temáticas luminosas que alternan con outras máis sombrías, como indica o propio nome do disco. Segundo comentou en Radiofusión o vocalista e guitarrista da banda, Gonzalo Abalo, “hai tamén quen quixo ler no nome do álbum un resumo do que foron estes sete anos de traxectoria da banda”. Abalo asegura que en Luz, oscuridad, luz Nadadora lograron o son que tanto buscaban. Para iso, contaron coa axuda do produtor Fino Oyonarte, que incluíu “guitarras atmosféricas e un pouco ruidosas”, que achegan contundencia e rabia á banda. Esta é a primeira vez que o grupo traballa co ex-Enemigos, aínda que xa coincidiran en concertos coa súa actual banda, Clovis. Abalo asegura que o produtor se implicou moitísimo no traballo, tanto profesional como emocionalmente, considerándose parte da banda.