Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Sábado 21 de Abril de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Elvis ou a censura do plano americano

“Callejeros Viajeros: Memphis” (Cuatro, 22.30 h.)

Sociedade 27/09/2010
  Envía a túa opinión

Ao impacto de Elvis e de Janet Jackson na historia da música non se lle pode buscar comparanza entre eles, pero si ao que tiveron na televisión. Cómpre lembrar que dende o famoso “mamila-gate” as retransmisións en directo de galas como os Oscar tivo que emitirse cuns segundos de diferido non sexa que un país enteiro colapsase como os nenos xaponeses vendo a Pikachu pola contemplación inesperada dun peito. A irmá de Michael Jackson decidiu perpetuarse no imaxinario colectivo americano aireando unha mamila durante a súa actuación musical na Superbowl, o maior evento televisivo do ano nos Estados Unidos. Moitos anos antes, houbo que reinventar o chamado plano americano, ese que colle máis ou menos medio corpo no obxectivo da cámara, por mor do meneo libidinoso de cadeiras que un mozo de tupé executaba para gozo de fans femininas. Elvis, o da pelve inqueda foi censurado de cintura para baixo e aquelo que non tapaba o pé de micro ou a guitarra xa se encargaba de agochalo a realización para protexer á audiencia de bailes espasmódicos que recordaban outras actividades. De terse estendido esta práctica de recato da televisión, en España hai tempo, concretamente dende a liberación torácica de Sabrina, que só veríamos primeiros planos de presentadores e artistas, non queira deus saber o que puidera sorprendernos en calquera momento de pescozo para abaixo.


“O que sei do teu país heicho dicir na saída, maldito embaixador”

“DEC” (Antena 3, 22 h.)

Sociedade 24/09/2010
  Envía a túa opinión

Circula un vídeo por internet que recompila momentos para a historia dos certames de misses, cheo de trompadas, non na pasarela, senón dialécticas. Aparecen misses estadounidenses, tinguidas de rubio republicano, falando do poder universal do seu deus para facer o ben no mundo e curar males como a homosexualidade; tamén as hai procedentes da cadea de produción de gañadoras de certames de beleza que é Venezuela, e as que mellor lles iría falar do chavismo, porque cando responden calquera pregunta o único que fan en conectar frases sen sentido, devecendo porque o perpetuo e xigantesco sorriso nacarado exerza a súa labor de hipnose e deixes de atender a todo o que non sexa a súa boca refulxente; e, por suposto, está a miss española que pasou de bolcheviques e perestroikas e tan só tentaba manter a compostura mentres reprimía as súas ganas de arrancarlle a cabeza dunha trabada a aquel embaixador de Rusia que debera ter vestido bikini e tacóns se tantas ansias de protagonismo tiña aquela noite. Na ágora rexoubeira de Antena 3, “¿Dónde estás corazón?”, pregúntanse esta noite polo desprestixio dos concursos de Miss España. Dende aquí xa lles podemos adiantar que se cadra o problema está en que non fan as preguntas axeitadas.


Se hai un galego na lúa, aínda non o foron visitar

“Galegos no mundo” (TVG, 22 h.)

Sociedade 23/09/2010
  Envía a túa opinión

Malas decisións empresariais neste momento serían abrir unha explotación gandeira, fundar un xornal en galego ou crear unha empresa de postais. Nos dous primeiros casos, son as novas do día a día as que obrigan a poñer as barbas en remollo. No terceiro, a culpa a ten a televisión. A cousa xa pintaba mal a causa das novas tecnoloxías: os anuncios das compañías telefónicas apréndennos que, se estamos afastados dos nosos, xa non abonda con comunicarnos: agora temos que retransmitirnos. Conectados con teléfonos móbiles de última xeración, enviaremos fotos e vídeos multimedia de cada lugar que visitemos e, grazas ás conexións a internet, iremos escribindo un diario inane da nada con actualizacións de Facebook e Twitter: “ás 12.30 teño empacho pola comida”; “ás 17.22, o nené quere popó”; “ás 20.47 resulta bonito este monumento que non sei como se chama”. Mais finalmente, o golpe letal que acabou co negocio das fotos artísticas e esforzos literarios que viaxan polo servizo postal executouno a televisión. Se vives no estranxeiro e te queres comunicar cos teus, tan só cómpre agardar a que chegue de visita á túa cidade un equipo de reporteiros deses programas que tanto proliferan e que se titulan cun xentilicio ao que se lle engade a frase “en el mundo”. Os galegos temos un de noso.


A tropa da tralla

“Alfonso, el príncipe maldito” (Telecinco, 22 h.)

Sociedade 22/09/2010
  Envía a túa opinión

Macabra ironía hai en querer ser rei de Francia e morrer decapitado. A monarquía, como concepto, é tráxica. Non para os que a exercen, senón para os demais. Existe un submiso abandono en deixarse mandar por quen, grazas a xenealoxía, herdou privilexios de devanceiros que ocuparon o seu tempo en facer guerras, someter pobos e acumular terras. Cabería axeonllarnos perante Obama ou Putin, temerosos do seu arsenal militar, pero non sei explicar a estendida vasalaxe aos reis como outra cousa que non sexa unha afección as grandes historias. Gústanos que nos lean contos e, a falla de coñecer a Carapuchiña Vermella, temos aos Borbóns e non hai que negarlles que as súas vidas dan para entretemento a eito. Poucas, a verdade, resultan tan atribuladas como as de Alfonso, o curmán de El Rei, que exerceu o necesario papel de Caín en calquera trama sucesoria. Alí onde Juan Carlos I é hoxe exemplo de bonhomía universal, ao seu parente quedoulle tragar coa necesidade oficial e popular de consideralo un fervellasverzas que deliraba cando abrazaba as ansias lexitimistas do seu pai. Material demasiado apetitoso para que Telecinco o deixase pasar.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros