Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Xoves 21 de Xuño de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Mochileiro universal

“Un país en la mochila” (La 2, 21 h.)

Sociedade 21/09/2010
  Envía a túa opinión

Labordeta, Deus o teña na gloria, era un anacronismo. Cómpre dicilo xa: gardábaselle cariño pola súa rareza e aínda que poida ser que non haxa un amor máis xusto que outro, o amor que se lle tiña era o mesmo que se profesa cara as cousas que nos fascinan pola súa estrañeza. A vida e a televisión son veloces, e sempre deu a sensación de que o poeta e cantautor vivía instalado no acougo. Se cadra por iso cando se aceleraba non medía ben os tempos e quedaba aos pés dos cabalos das anécdotas, que todo o levan por diante, así sexa unha vida enteira de cancións, versos e prosa, e dedicación ao recoñecemento de Aragón, irmán pobre das beiras do Ebro. A popularidade posúe razóns que o mérito non entende, e como el mesmo dixo, o seu epitafio habería de ser un sonoro “¡A la mierda!” escrito en pedra. Por ese rapto de sinceridade, de desprezo contra a estupidez disfrazada con pelo lambido e gravata que tanto abunda na política, lle coñecen os máis novos. El que tiña os pés no pobo, sentiuse na obriga de mandar a paseo aos que se erixían en falsos representantes del. Se pola televisión é, a Labordeta recordarémolo polo seu incendio verbal no Congreso e por camiñar devagariño coa mochila ao lombo, un patrimonio catódico, a mochila, que a piques estivo de roubarlle Pocholo, pero que agora conserva en exclusividade.


A cociña como unha das belas artes

“Karlos Arguiñano en tu cocina” (Antena 3, 20.20 horas)

Sociedade 20/09/2010
  Envía a túa opinión

En tempos de cuplé e vodevil houbéranlle chamado Carlo Smith ou algunha trapallada polo estilo, así que o feito de ser coñecido sen problemas polo seu trabalingüístico nome dá conta da súa popularidade. Karlos Arguiñano, así con “k” xuvenil, é un bautismo acaido para alguén que se dedica a cociña, porque máis que pronunciarse, ese Arguiñano hai que mastigalo coa lingua dando voltas dentro da boca. Tivemos que aprendelo sen remedio cando, afeitos a cociñeiros académicos que só falaban de carbohidratos, e afastados xa os días de Elena Santonja coas mans na masa, descubrimos a un radical libre que salgaba os guisos con chistes, adobiada os pratos con retranca, e, sempre o sospeitamos, regaba a gorxa con abundante pacharán antes de por as potas ao lume, que tanta ledicia así de boa mañá non era natural. Ver a un tipo feliz preparando o xantar anima a xogarse a vida entre tixolas e aceite fervendo e así nalgún momento destes últimos vinte anos, non fomos poucos os que presentamos unha tortilla mal feita co toque de perexil e dicindo a parvada esa de “rico, rico e con fundamento”, que só a Arguiñano lle sae coa gracia precisa.


Ben de Interese Cultural Incombustible

“Luar” (TVG, 22.10 h.)

Cultura 17/09/2010
 3 comentario/s - Envía a túa opinión

Algún día alguén terá que facelo: enchoupalo con gasolina e logo tirarlle un misto prendido enriba. Se non arde, entón poderemos certificalo: Gayoso é incombustible. Non é que estea a promover un atentado contra a vida do entertainer por antonomasia da historia da televisión autonómica, pero as cousas da beatificación sonche así. Non se pode ir por aí berrando “santo subito!” e reclamar a gloria eterna para alguén sen probas desa condición tan mística como mítica. A falta de sagradas escrituras que testemuñen a súa vida apostólica entretendo fregueses ano tras ano, si temos unha ampla colección de cintas VHS -hogano DVD ou memorias informáticas, porque os tempos cambian-. Con elas compróbase outro milagre: a resistencia á corrupción da carne e da voz, algo así como o de Jordi Hurtado. Nalgún momento dos 25 anos da Televisión de Galicia, o tempo parou arredor de Xosé Ramón Gayoso. Hai quen di que todo se debe á fidelidade a un estilismo e un peiteado, pero a min de neno gustábame ir con pantalón curto e se o poño agora parezo idiota, non pequeno. Haberá quen pense que logo de tanto tempo está de máis falar do “Luar”, pero a súa constancia dende 1992 obriga a facelo cada vez que comeza unha nova tempada da mesma maneira que os informativos saúdan sempre o cambio de estación.


Divina estás

“Las Joyas de la Corona” (Telecinco, 22 h.)

Sociedade 16/09/2010
  Envía a túa opinión

Nunha radio facían mofa onte de que un futbolista do Real Madrid confesara nunha entrevista que non tiña libro nin autor favorito, seica por un argumento de autoridade irrebatible: non lle prestaba ler. Por suposto, tralo escarnio, os comentaristas continuaron coa narración do partido oufanos, como se alí, en troques de falar das glorias e miserias merengues estivesen en realidade a glosar a “Crítica da razón pura”. Sirva como demostración de que acotío, para moita xente, a educación non é un valor en si mesma, senón un accesorio que cómpre sacar a paseo para admiración popular. A formación en cultura, estética e boas maneiras deféndese como valor supremo, pero os parámetros que a gobernan non parecen senón a perpetuación do ditado dos que teñen diñeiro. Isto é, podes vestir como un espantallo, pero se a túa roupa non a pode pagar a maioría da poboación, entón xa non estamos diante dun conxunto de trapos espantosos e mal dispostos, senón fronte a un vangardista exemplo de creatividade e últimas tendencias. De igual xeito, a maneira de comportarse que se fixa como modelo é a propia da jet-set, cuxo aval como vara de medir está no límite da súa American Express. Tan só fenómenos como as estrelas do rock ou, de maneira máis próxima, Belén Esteban rebaten a norma de que os usos aceptables son os da xente de cartos. En Telecinco, “Las Joyas de la Corona” preferiu ficar coa explicación tradicional. 

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros