Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Sábado 21 de Abril de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Vinnie Jones exhibe o seu talento (por suposto, el é o que aperta)

“Xogar duro” (TVG, 00.15 h.)

Deportes 15/09/2010
  Envía a túa opinión

Disque o tempo pon a cadaquén no seu sitio. De ser certo, pódese dicir que o tempo tomouno con calma no caso de Vinnie Jones, cuxa traxectoria deportiva abonda para desacreditar todos o sistema educativo británico e os programas de selección das escolas deportivas. Que fixo Jones para facer carreira como xogador de fútbol, mesmo capitaneando á selección de Gales, e non como estrela da loita libre ou das pelexas clandestinas a morte é algo que só se pode explicar se o aceptamos como unha das demostracións máis eficaces do chamado efecto bolboreta. Ao líder do temido Wimbledon, que tamén xogou no Leeds e no Chelsea da liga inglesa, se lle recorda por un catálogo de accesos de violencia que fai que un vídeo das súas mellores xogadas se poida confundir co máis selecto do paso de Mike Tyson ou Hulk Hogan polo ring. Cóntase que Vinnie Jones ten o marca mundial da expulsión máis rápida nun campo de fútbol: o árbitro, con aceno de pavor, tivo que sacar o cartón vermello ao defensa tan só dous segundos despois do saque inicial, tempo dabondo para que esta mala besta saltara sobre o dianteiro rival e lle tronzara a perna por tres sitios. Un día, o director de cine Guy Ritchie, que andaba curto de actores para o papel de asasino, acordouse do bicho e fixo de Vinne un actor para acougo de toda a Premier League. 


Gaztañaga, ou un novo Mefistófeles na procura de almas, presenta o programa

“El Marco” (Antena 3, 22 h.)

Sociedade 14/09/2010
  Envía a túa opinión

Está por nacer a especie animal que nos resulte máis fascinante que nós mesmos. Dende que Narciso fitou para si sobre a superficie da auga non deixamos de admirarnos: ben sexa a través do onanismo dos espellos, ben mediante o voyeurismo aceptado de fiestras ou terrazas. Vernos, mirarnos, asexarnos, nada nos gusta máis. Para que o xogo sexa completo, ten que haber quen consinta en ser visto. Algúns que o facían por depravación, vestidos con gabán, peúgos, zapatos e ánimo libidinoso por única roupa, foron perseguidos. Mais o exhibicionismo foi quen de reconstruírse como algo valioso na televisión. Hai moitas persoas que viven por oposición, que só se entenden a si mesmas comparándose cos demais, que sacan o benestar propio da miseria allea. E na televisión hai moitas cousas que non caben, pero o caixón dos escrúpulos segue baleiro para enchelo con toda canta miseria nos apeteza. Como o diñeiro e a fama pagan dabondo pola venda do anonimato, sempre hai quen se nos ofreza en sacrificio, “aquí o escravo do mando a distancia!”, para o noso goce. Non hai vocacións para os mosteiros, pero a clausura segue en auxe grazas a programas como “El Marco”, que Antena 3 estrea esta noite. 


En brazos da muller madura

“Las Chicas de Oro” (TVE, 22.15 h.)

Sociedade 13/09/2010
  Envía a túa opinión

“Re, selvático animal” cantaban os pequenos austríacos mentres troulaban da man da monxa musical en “Sorrisos e bágoas”. Dende o máis puro prexuízo, “Las Chicas de Oro”, que esta noite estrea Televisión Española podería ser coñecida como “a serie Re”: revival, remake, retro, revisión, repetición, se cadra resesa. Para quen goza con esa fórmula depurada que son as comedias americanas, pequenos exercicios de estilo moi concentrados nos que o ritmo e a frecuencia do gag encaixan como nun mecano, o coñecido até o de agora desta rehabilitación da súa propia nostalxia por parte de Televisión Española dá para matinar nos peores agoiros. Se nas soap-operas importadas a duración concéntrase até uns escasos 20 minutos, aquí séguese a pensar que unha serie non é serie, ou non paga a pena se non chega aos 50, como é o caso. Por outra banda, toda a publicidade desta estrea fai fincapé no nome e currículo das actrices protagonistas, como se iso fose dabondo para levantar un guión lamentable. Nin de Laurence Olivier se puido dicir que fose quen de salvar un chiste terrible, e se atendemos aos revelados nos anuncios de “Las Chicas de Oro”, ou ben debemos estar a piques de asistir “a un tour de force” interpretativo, ou ben á segunda parte de “Hostal Royal Manzanares”. 


Sorrir está prohibido se es adolescente rebelde

“El Campamento” (Cuatro, 21.30 h.)

Sociedade 10/09/2010
  Envía a túa opinión

Din que as igrexas están cheas de vellos porque presinten a inminencia da morte e precisan reconciliarse co feito na súa vida procurando algo de auxilio místico. Non teño idade suficiente para confirmalo, mais polo vivido até agora coido que realmente é de moi novos, durante a adolescencia, cando temos unha verdadeira impresión da finitude e da posible inexistencia do mañá. A mocidade é aproveitar o puro presente, sen agonías ou plans de prosperidade. Velaí os berros de “No future” que alumearon o punk, que ou é xuvenil ou non é, e os lemas queimados no asfalto polos neumáticos do coche de James Dean: “Vive ás presas e morre novo”. Cando mozo, gozas da intoxicación porque esqueces que existen as mañás de resaca, tatúaste de xeito perenne a pel porque non contas conque algún día esa tinta indeleble acaba debuxando un retrato descomposto, como “O Berro” de Munch, sobre carnes colgantes que serán as túas. 

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros