Publicidade Radio Fene
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Luns 23 de Xullo de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Ese pecador da pradaría que vai e lle dí...

“REC: Los guardianes de Chávez” (Cuatro, 23.30 h.)

Sociedade 11/06/2010
  Envía a túa opinión

Comentar a programación televisiva durante os vindeiros 30 días vai transformarse nun traballo de investigación, procurando á maneira do zahorí que agrome un manantial nun páramo no que non hai outra cousa que consumir que o Mundial de Sudáfrica. Á súa maneira, todas as cadeas contraprograman nesta xornada contra a gran cita futbolística: todas, claro está, agás a TVG. Nese caso teríamos que dicir que é Joseph Blatter e a FIFA quen contraprograma contra o “Luar” de Gayoso, o gran acorazado dos venres que non coñece inimigo. Entre tanto rebumbio é doado que se perdan reportaxes que un non sabe se están ben colocadas na fin de semana televisiva. Porén é o oco que lle deixaron a “REC”, o espazo dirixido por Jon Sistiaga e que reivindica o xornalismo de investigación e valor, sobre todo dun valor próximo á inconsciencia. Á mesma hora na que noutras cadeas se emite “Sálvame Deluxe” e “¿Dónde estás corazón?”, Cuatro fai unha defensa daquel mito romántico, aínda non extinto de todo, do reporteiro que arrisca a vida por abrille á xente os ollos a ese mundo que din que existe máis aló do nariz minísculo da Esteban.


O parado de curta duración máis célebre de España co novo empregador

“La Siete en el Mundial” (La Siete, 22.30 h.)

Deportes 10/06/2010
  Envía a túa opinión

Hai centos, por non dicir miles, de despedimentos ao día. Así que se te botan do traballo e o asunto se converte nun fenómeno mediático, dentro do malo deberas sentirse agradecido: de seguro que non hai mellor recoñecemento ao traballo ben feito que outras persoas monten un rebumbio de protesta cando o teu xefe che ensina a porta. Nin as cuitas danzarinas da Esteban, nin as fraudes á Seguridade Social da Campanario: o asunto rei para o rexoubeo durante o último mes foi  o cesamento fulminante de Paco González como director do Carrusel Deportivo da Cadena Ser, o programa de radio máis escoitado polos devotos dunha freguesía que ten máis años que a da Cope, a dos fanáticos do fútbol. Durante días os confidencias non deron abasto entre as múltiples versións que circulan por aí dos insultos que se proferiron o director da radio e o seu locutor estrela, pero estes deberon ser o bastante grosos para non poder borrarse e que toda a escena rematase cun portazo e un Mundial de fútbol depauperado. O curioso é como todas as cousas que teñen que ver co “díxome, díxome” acaban con Telecinco polo medio: o xornalista deportivo fichou pola canle amiga para facer televisión e esta noite debuta na canle xemelga da TDT, La Siete.


O maná do traballador

“Comando Actualidad: Al fondo hay sitio” (TVE, 22.15 h.)

Sociedade 09/06/2010
  Envía a túa opinión

Está a terra das mil danzas á que lle cantou Wilson Pickett, o país dos mil lagos, que cae por Finlandia, e tamén, o que máis de preto nos toca, o do millón de vacas, que deixou escrito Rivas. Postos a cuantificar, se España se puidese resumir nunha cifra, sería difícil de imaxinar. Na mente matemática non hai maneira de facerse idea da idea do infinito e tampouco de calcular exactamente o número de bares contidos no espazo que vai de Francia a Portugal. “Comando Actualidad” estima que existen nos rexistros mercantís uns 250.000 establecementos nos que dan de beber ao sedento tirando unha caña de cervexa ben fresca, e nos que dan de comer eses cafés, con ou sen leite, que tanto ten, tan espesos e torrefactos eles que así como penetran polo esófago van taladrando as túas entrañas conseguindo polo mesmo prezo limpar os intestinos e espertarte, non precisamente polo poder da cafeína. Moito se fala do I+D+i, pero cómpre non chamarse a engano: cando en España se fala de emprendedores, iso quere dicir que algún amigo vai montar un bar.


Estadios, os novos templos de Sudáfrica

“Callejeros Viajeros: Johannesburgo” (Cuatro, 22.30 h.)

Sociedade 07/06/2010
  Envía a túa opinión

En Corea comen can. Do mundial de fútbol de 2002 acórdame esa referencia gastronómica e o casus belli xerado por un árbitro exipcio que case fai que o Exército español se lance á conquista das pirámides logo dunha demostración de chifro unidireccional e caseiro que mandou á selección de Camacho e as súas axilas húmidas para casa como manda o manual, nos cuartos de final da Copa do Mundo. A organización do gran torneo da FIFA é para un país o que para unha cidade supón a concesión dos xogos olímpicos: unha oportunidade para darse a coñecer ao mundo. Na pasada copa en Alemaña xa non había moito que coñecer, pero durante a competición asiática os informativos deportivos por momentos pareceron documentais do Discovery Channel falando dun modo de vida estrafalario para nós, que sacamos virxes de paseo a trompadas e torturamos touro por pracer. Dentro dun mes, ao fútbol deberémoslle ter unha nova visión sobre Sudáfrica. Resta por saber o fidedigna que resulta.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros