Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Mércores 18 de Xullo de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Gol contra a troika

“El documental de La 2: Pasión por el fútbol” (La 2, 23:00 h.)

Deportes 08/06/2012
 20 comentario/s - Envía a túa opinión

Esta idea non é miña, mais paga a pena difundila: se o fútbol (ese xogo no que cadaquén deposita o que mellor lle pareza, xa sexa un éxito por vía vicaria; unha confrontación política; unha exaltación patriótica; ou unha posibilidade para enriquecerse grazas ás apostas deportivas) funciona tamén como vehículo para a xustiza poética, daquela Grecia, Irlanda, Portugal ou España proclamaranse campioas da Eurocopa derrotando na final a Alemaña. E para completar a vinganza, o resultado non poderá exceder o 1-0, por iso de manter a austeridade. Eu descoñezo que pensa a Mannschaft da política económica da chanceler Angela Merkel, mais di Reuters -que non é o lateral dereito da selección xermana, senón unha axencia de información- que da fin de semana non pasamos sen mendigarlle un rescate a Bruxelas. E xa que a enerxía colectiva a restrinximos para os estadios de fútbol e non para perseguir banqueiros pola rúa como unha masa enfurecida, e que o Goberno español só sabe xogar ao catenaccio, semella que a xente reserva todas as súas forzas e berros por se Fernando Torres bate ao meta alemán Neur no remate decisivo.


O conto de nunca acabar

“Clásicos de La 1: Lo que el viento se llevó” (La 1, 22:15 h.)

Cultura 07/06/2012
 12 comentario/s - Envía a túa opinión

Tres son as longametraxes totémicas na historia do cine televisado en España, acontecementos que, por motivos nunca clarexados, reúnen cada ano a millóns e millóns de persoas diante da pantalla dispostas a escoitar unha vez máis, como o neno nos xeonllos do avó, o mesmo conto que xa saben de memoria porque llo relataron unha e mil veces. Sexa Nadal ou Semana Santa, vemos sempre a Judah e Massala nunha versión primitiva de “Too Fast, too furious”, acelerando coas cuadrigas na escena antolóxica de “Ben-Hur”. Televisión Española garda tamén nos seus arquivos a bomba atómica, a arma definitiva que todos os seus inimigos temen e que pode despregar en calquera data do calendario na que precise arrasar co share contraprogramando a final de “Gran Hermano” ou o enésimo “clásico” do fútbol: chámase “Pretty Woman”. Por incrible que pareza, estudouse que a Cincenta 2.0 liderou a audiencia en cada un dos seus 24 pases pola canle pública. E a terna péchase con “Lo que el viento se llevó”, 211 minutos de drama que, en tempos dos cortes publicitarios, obrigaban a facer clausura durante unha fin de semana para completar o visionado. 


Corporación Dermoestética

“Final ACB: Barcelona-Real Madrid” (Teledeporte, 20:45 h.)

Deportes 06/06/2012
  Envía a túa opinión

Entre os deportes de equipo, e se desbotamos a natación sincronizada mentres as nadadoras dos conxuntos rivais non compitan simultaneamente na piscina salpicándose auga unhas ás outras, o que máis posibilidades plásticas permite é o baloncesto. Certo é que o fútbol ben xogado, de maneira harmónica, produce a mesma fascinación que un acordeón que se encolle e se estira, mais cando se trata de atacar a canastra, permítense solucións do Circo do Sol: unha mestura de malabarismo, equilibrio sobre o aramio e propulsión de saltimbanqui. Se DaVinci debuxase hoxe o Home de Vitruvio, tería o modelo anatómico de LeBron James, canda Usain Bolt e Michael Phelps, o pioneiro dunha especie que fisicamente semella xa máis evolucionada que o homo sapiens do común. A NBA é a liga máis global do planeta, apoiada nunha explotación moi pensada dunha estética exuberante. Mentres, a ACB aínda ten que pasar polo salón de fotodepilación. Non avanzamos moito dende que Jordi Villacampa, co uniforme do Ron Negrita Joventut, se elevaba en elegante tiro en suspensión, un ballet con pelota estragado pola contemplación dos seus hirsutos ombreiros asomando entre os tirantes da camiseta. 


Pim-pam-toma-lacasitos

“Conexión Samanta: Poligoneros” (Cuatro, 00:15 h.)

Sociedade 05/06/2012
  Envía a túa opinión

Da ágora ao polígono, ese é o camiño que percorremos. A ágora non era só o espazo aberto e central da antiga polis grega polo que paseaban os grandes cranios cuxas ideas aínda estudamos tantos séculos despois para os exames de selectividade: era tamén o lugar para o culto, as festas, o xogo, o teatro e, en definitiva, o lecer. Mais hoxendia erguemos a bandeira branca da nosa derrota como civilización situando os lugares para a festa da clase traballadora no mesmo exacto lugar no que traballan, páramos secos e grises, construídos con asfalto e chapa e nos que a diversión consiste en sacudirse espasmodicamente ao ritmo da música mákina, con k, exactamente igual que durante o horario laboral se menean os brazos mecánicos e botan fume as torcas e parafusos no medio do balbordo infernal da industria. Se a única evasión que se nos ofrece está nun enorme galpón do cor da cinza, apertados e suando como polos nunha explotación avícola, como non contrarrestar o tedio con neóns no coche, roupa fosforescente, cadeas de ouro e peiteados imposibles. A exaltación do mal gusto ou o “choni” non é unha cultura nin un estilo, é un síntoma. 

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros