Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Sábado 23 de Xuño de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Atlético ou a loita contra o fatalismo

“Final da Europa League: Atlético-Fulham” (Telecinco, 20.45 h.)

Deportes 12/05/2010
  Envía a túa opinión

No teatro barato que de cote é o fútbol os dramas adoitan ser falsarios, pero se hai un intérprete que convence a boa parte da audiencia co seu padecemento, “ay mísero de mi, ay infelice”, provocado polos desatinos que lle reservou o destino, ese é o Atlético de Madrid. Alleos aos fanatismos, hai clubs como o Real Madrid que, abandonados a transformar o xogo nun exercicio de contabilidade, só provocan rexeitamento; outros que, igual de adiñeirados, teiman en empregar os seus fondos para o goce estético dos demais, como o Barcelona, e merecen admiración; e, finalmente, están institucións como o Atlético de Madrid, que viven instalados na tensión perpetua entre o éxito e o ridículo, que un non sabe se querelos ou apiadarse deles. Os que sacan o seu nome das vellas fundas dos colchóns, séntense vedettes na primeira liña do escaparate europeo unha vez máis, 24 anos despois da última.


A educación sentimental

“Física o Química” (Antena 3, 22.15 h.)

Sociedade 11/05/2010
  Envía a túa opinión

Láianse os creadores de “Física o Química” de que a súa é a serie que máis xente critica sen tela visto nin sequera unha soa vez. E razón non lles falta, se ben tampouco lles acae ben o aro de santiños e vítimas inocentes aos que gozan coa provocación. Que o programa non é exactamente para adolescentes o demostra o feito de que se programe no prime-time de Antena 3, disposto a aproveitarse da fascinación do público que avanza cara a senectude, o mesmo que cando pasea polo parque e ve grupos de mozos armando balbordo os miran con certa severidade e algo de desprezo, os necesarios para agochar o feito de que hai máis tempo do que lles gustaría eles tamén foron un pouco así e xa non se poden permitir volver a selo.


Boas noites, señora

“Volver con... Bertín Osborne” (TVE, 23.20 h.)

Sociedade 10/05/2010
  Envía a túa opinión

A canción lixeira española, para ser filla da tradición dun país que se cre pío e católico, ten unha especial fascinación polo adulterio. Así como nos países anglosaxóns que lideran nisto da música popular, os ídolos de masas adoitan ser figuras xuvenís, durante moito tempo o mundo da balada romántica en España foi negocio herdeiro da copla, historias e dramas adultos alleos á rapazada de quince anos. Cando alén da Península Ibérica se pensaba en sexo, drogas e rock and roll, aquí tiraban máis polos pecados capitais, a colonia Brummel para homes que deixan pegada e as sevillanas. Xa que logo, o concepto de ídolo musical tiña coordinadas ben diferentes: para eles estaba a sublimación da figura dunha gran matrona de homes feitos e dereitos, en forma de Rocío Jurado; e para elas, alí onde outrora gobernaba o landismo, un fino señorito andaluz de dous metros de alto, peiteado como se o lambese unha vaca, hixienizado e galán: Bertín Osborne. Esta noite, volve á casa.


Ti o que queres é que me coma o tigre

“¿Dónde estás corazón?” (Antena 3, 22 h.)

Sociedade 07/05/2010
  Envía a túa opinión

Do circo dise que é un espectáculo en decadencia. O certo é que cando eu era neno ben podía pasar aínda polo maior espectáculo do mundo, pero a súa pegada trinta anos despois é pequena. Miliki e Rita Irasema aínda tiran proveito das cancións do circo dos pallasos grazas a que son clásicos atemporais como os dos Beatles e a que Hannah Montana non está recomendado para menores de 6 anos; o herdeiro Milikito descubriu que o circo da televisión dá moito máis diñeiro e transformou o negocio familiar nunha gran produtora de contidos; e, Pinito del Oro aparte, da outra gran familia circense da miña infancia só se coñece que Bárbara Rey leva anos vivindo da gran intuición colectiva que asegura que foi amante doutro Rei, e non precisamente nunha relación incestuosa, senón monárquica, e que a súa filla, con apelidos de colexio de monxas, Cristo Rey, foi a líder das Women Dj’s e concursante de "Supervivientes". O patriarca, Ángel Cristo, faleceu esta semana e por suposto, o seu corpo aínda quente, é alimento para as feras famentas de “¿Dónde Estás Corazón?”.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros