Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Xoves 21 de Xuño de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Nostalxia anabolizada

“John Rambo (Rambo IV)” (TVG, 22.20 h.)

Sociedade 24/03/2010
  Envía a túa opinión

Ás veces penso en que a historia da década dos 80 é a historia dunha fascinación global polas tetas. Moitas iconas da cultura popular daqueles tempos tiñan no perímetro torácico o seu gran valor de mercado. E si, penso nelas (Samantha Fox, Sabrina Salerno, Brigitte Nielsen, Kim Basinger...), pero tamén penso neles. Sentín que algo da miña infancia murchaba dentro de min cando vin a Schwarzenegger facer por última vez o Terminator lucindo uns peitos, noutro tempo firmes e untados en aceite para gañar os campionatos de culturismo, fláccidos agora como globos pinchados. Deus bendiga o botox, os anabolizantes e os esteroides porque eles son os que manteñen mal que ben no seu sitio a musculatura de Sylvester Stallone e ela é agora a única que sostén a nostalxia infantil dunha xeración. Entre o patético e o heroico, Sly estanos a ofrecer un canto do cisne do vello cine palomiteiro, con efectos xustos e ultra violento, grazas a filmes como “John Rambo (Rambo IV)”, que esta noite emite a TVG.


A xustiza pola man

“John Q” (La Sexta, 22.15 h.)

Sociedade 23/03/2010
  Envía a túa opinión

Hai algo grotesco en ver ás multimillonarias estrelas do cine interpretando desesperados dramas humanos pola causa do diñeiro, pero haille que conceder á sétima arte que na capacidade de disimulalo e mesmo facer que nos identifiquemos reside parte da súa venerada maxia. Desta volta é Denzel Washington quen consegue ocultar o verniz Beverly Hills baixo unha aparencia de clase media para contarnos a historia, baseada nun feito real, dun pai que decide argallar un secuestro nun hospital como última medida desesperada para curar a un fillo cuxa operación non pode pagar. Se Obama e a súa gran reforma sanitaria nos Estados Unidos houberan chegado antes, se cadra non existiría o filme “John Q”, que se pasa pola Sexta.


Un principado de hai 30 anos

“El Príncipe de Zamunda” (La Sexta, 22.15 h.)

Sociedade 22/03/2010
  Envía a túa opinión

Nalgún momento haberá que facer a proba do carbono 14 para datar en que momento se produciu a última risa provocada por unha película de Eddie Murphy. Os cambios de século non son doados de asumir para todo o mundo e de cote semella que hai quen ficou atrapado por aquel temido efecto 2000 e non puido facer a transición á modernidade. O cómico americano hai anos que debe de estar dándolle corda ao reloxo a ver se bota a andar, preguntándose que aconteceu para pasar de ser o rei universal da comedia de Hollywood a perderse en historias que antes provocan mágoa que gargalladas. Murphy fixo de todo: multiplicou os seus quilos de peso por tres e travestiuse de todos os membros dunha familia, fíxose vampiro e mesmo aprendeu a falar con animais, e ningunha desas saídas conseguiu resucitar a Axel Foley, o superdetective na meca do cine, ou ao príncipe Akeem, o protagonista dunha das comedias máis míticas da era nas que o VHS gobernaba o noso tempo de lecer.


“O teu burro leva slicks ou gomas de choiva?”

“Águila Roja” (TVE, 22.15 h.)

Sociedade 18/03/2010
  Envía a túa opinión

Invadidos como estamos por todas as franquías mundiais da alimentación rápida, chama a atención que haxa unha que non prospera neste recanto do planeta. Trátase do célebre Kentucky Fried Chicken retratado en innumerables películas e un verdadeiro mito da alimentación fugaz nos Estados Unidos e o Xapón. Ese fracaso será cousa de que por aquí só haberá un verdadeiro Rei do Polo Frito polos séculos dos séculos e ese trono recolle dende hai tempo o pandeiro de Ramoncín. Antes, moito antes de ser paladín dos dereitos de autor e mesmo xurado de “Operación Triunfo”, o home agora coñecido como Ramón era estrela do punk español para masas. Hai lendas urbanas que refiren como mexaba dende o escenario sobre un público que dicía que chovía. Logo foi acougando e chegou a presentar na televisión un concurso de espírito filolóxico chamado “Lingo”, nada máis acaído para o egrexio autor do Tocho Cheli, un dicionario suburbial grazas ao que aprendemos o que é unha chupa de coiro, que as lupas combaten a miopía, ou que unha burra é unha motocicleta. E sobre esta última relación traída polos pelos xira o capítulo de hoxe de “Águila Roja”.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros