O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas participa na Feira Wine & Gourmet, que se celebra do 7 ao 9 de abril en Tokio, Xapón. Este Consello Regulador asiste, como único órgano certificador galego, con vinte e tres adegas dentro da caseta do IGAPE. Wine & Gourmet é a única feira en Xapón dedicada exclusivamente á mostra profesional conxunta de viños, gourmet, servizos de hostalaría e restauración nese país.
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas exportou un total de 3.057.574,85 litros no exercicio 2009, o que se traduce nun incremento próximo ao 1% no volume das exportacións con respecto ao exercicio anterior. Cun valor próximo aos 16 millóns de euros, estas cifras supuxeron pór no mercado de 57 países un total de 4.076.766 botellas de viño, xa que a totalidade da produción deste Consello Regulador véndese embotellada. Na actualidade, 76 adegas desta denominación de orixe participan nos plans de exportación, tres máis que o pasado exercicio.
O Consello Regulador das Denominacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia recibiu tres novos galardóns aos seus destilados. Nesta ocasión trátase da primeira edición do Premio Nacional da Prensa do Viño, convocado pola Asociación Española de Xornalistas e Escritores do Viño (AEPEV) e creado co obxectivo de distinguir as mellores creacións vitivinícolas da pasada campaña.
A acidez refrescante e intensidade do viño Albariño harmoniza coa salinidade das xoubas, segundo poñen de manifesto desde a Denominación de Orixe Rias Baixas. Os caldos galegos tamén complementan co amplo repertorio de posibilidades dun produto nobre como os cogomelos silvestres.