Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Luns 23 de Abril de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Perfecta

“El Hormiguero 3.0: Nadia Comaneci” (Antena 3, 21.45 h.)

Sociedade 10/05/2012
  Envía a túa opinión

O rebote do pandeiro sobre o colchón, frouxo, escaso de impulso. A postura erguida, mal, desequilibrada. Pouca harmonía no camiñar cara o baño. A mexada, aceptable, un arco amplo. Pouco control no ataque ao regular a ducha. Escaldado. A coreografía de brazos e esponxa: moito mellor coa temperatura maina. Combinación de roupa, óptima. Nótanse os moitos anos de experiencia, o traballo dedicado na lectura do “¡Hola!”. Atención á fase do almorzo! Vaites, moi ben co leite desnatado e a sacarina, mais de seguro que esas dúas galletas extra hanlle pasar factura perante os xuíces. Vexamos agora o despregamento físico. Ummm... Poucos folgos na carreira ata o autobús. Moito mellor no saúdo ao condutor. Ollos de durmido, pero sorriso amplo. Sempre destacado no cinismo de boa mañá. Finalmente, veremos se clava a aterraxe no asento: déixase caer e... perfecto! Agardemos agora polas puntuacións dos xuíces... Velaí: 7; 6,5; 8,5; 7, 8. Un 7,4! Un óptimo resultado. Non foi esta unha mañá para optar a medalla de ouro, mais si un excelente resultado se temos en conta as miñas limitacións de sono e a carga de traballo. Estamos diante dun potencial campión. 


Enterrade a miña Visa en Marineda City

“Comando actualidad: En el centro comercial” (La 1, 22:15 h.)

Sociedade 09/05/2012
  Envía a túa opinión

Os nenos querían ser astronautas ou doutoras ata que chegou El Corte Inglés á súa cidade. A partir de entón, nunha telepática cadea de sono, de cacholiña en cacholiña, millóns de rapaces comezaron a compartir o mesmo desexo oculto: ficar pechados unha noite no centro comercial para poder xogar con todas as marabillas alí almacenadas. Fóra da terra de Endexamais, a cova de Alí Babá ten caixas rexistradoras e Mickey Mouse pecha Disneylandia pola competencia dos parques de atraccións mercantís. Un agasallo de Primera Comuñón? “Unha tarxeta de crédito, por favor”. En Pyonyang todos os pequenos cantan pola vida eterna do Amado Líder e neste recanto do mundo poñemos candeas para que abra un Toy'r'Us. Non hai cidade xa que mereza ese cualificativo se non conta cun IKEA. E, aspirando a ser como Wichita ou Xetafe, celebramos que o espazo común urbano, as rúas e prazas sexan sacrificadas, a súa vida extirpada, en beneficio do centro comercial. De feito, se nos desen a escoller, o planeta debera conterse enteiro dentro dun enorme shopping mall, no que viaxaríamos polas seccións: Groenlandia estaría no corredor dos conxelados; Montecarlo na de artigos de luxo; China no gran bazar do primeiro andar; e Galicia, alí ao final, na sección de obxectos perdidos.


Revolucionario

“Fútbol: Cartaxena – Celta” (TVG, 21:20 h.)

Deportes 08/05/2012
  Envía a túa opinión

Se unha civilización alieníxena invadise o planeta e a última delegación humana tivese que fuxir a bordo dunha versión ampliada do satélite XaTcobeo, ese fito da aeronáutica espacial galega, levando con ela a memoria do que foron uns poucos miles de anos na cronoloxía da Terra gobernando o cotarro, habería que facer oco, como Noé na súa arca, a unha moi escollida selección de elementos inmutables que nos fixeron o que somos: os manuscritos do Mar Morto, a pedra Rosseta, a Gioconda, as pinturas de Altamira logo picar na cova e pouca cousa máis... Ah, si! Tamén o regulamento do fútbol, que os organismos reitores do deporte e millóns de persoas en todo o orbe velan por conservar nos termos en que foi concibido, como se unha mácula na súa pureza orixinal supuxese estragar o pasatempo preferido de catro de cada cinco homes europeos do último século. Mentres todo aquilo que é subxectivo de negocio está sometido a un proceso constante de mutación para non rebaixar un ápice o interese do cliente, aquel que se atreva a formular unha mudanza nas táboas da lei da FIFA sufrirá o castigo dos herexes polo que morreu Giordano Bruno. E aínda así, esta noite o Celta de Vigo ten a oportunidade de protagonizar unha revolución. 


Que o ritmo non pare

“El Hormiguero 3.0: Carlinhos Brown” (Antena 3, 22 h.)

Cultura 07/05/2012
  Envía a túa opinión

Hai un disco dos moi reconcentrados Depeche Mode titulado “Música para as masas”. Agás algún éxito que transcendeu o seu drama gótico, como o do “Xesús persoal”, non foi a súa unha discografía pródiga en fenómenos mundiais. Había demasiado discurso e autoconsciencia naquelas cancións húmidas, mecánicas e escuras. Demasiada elaboración para acertar sempre no centro da diana do universal, cando a apelación ao gusto común, o que vai de nenos a avós, ten que retroceder a un impulso atávico, a un berro case gutural. Podemos repasar algúns dos éxitos construídos segundo esa fórmula máxica. Está ese “Go West”, himno gay reconvertido en canción para os virís ultras futbolísticos: “Loloooo-lololololo”. Tamén o retrouso da terra das mil danzas á que lle ouveaba Wilson Pickett: “Naaaa-nananana-nanana-nanananana”. Todos aprendemos a cantar en caló con Las Grecas ao ritmo do “Ainonainonai-ainonainonai-ainonainononainononai”. E se cadra o máis recente fenómeno nesta longa caste de ritmos adhesivos debémosllo ao brasileiro Carlinhos Brown, que nos tivo varios veráns bailando coa mesma sílaba: “Pepepepepepepepepepe-pepepepepepepepe”. 

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros