O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou o Proxecto de Lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia, que hoxe aprobou o Consello da Xunta, como unha lei “que se adapta a todos os modelos de convivencia, fomenta a igualdade e amplía os dereitos daquelas familias en condicións especiais”, das familias numerosas, monoparentais, acolledoras, ou das que teñen persoas con discapacidade, dependentes ou maiores ao seu cargo, aseverou. O proxecto non recolle ningunha das recomendacións formuladas polo Consello Económico e Social de Galicia.
“Pide axuda tarde de máis”, respondeu o voceiro nacionalista Carlos Aymerich ao chamamento de Feijóo á colaboración na defensa de Novacaixagalicia. O portavoz do BNG acusou á Xunta de non exercer as súas competencias e deixar que “Galicia estea a ser gobernada dende a rúa Xénova de Madrid”. Por iso, resolveu, “non contará co BNG e terá que apañarse co apoio de aqueles cos que pactou en Madrid a reforma da LORCA e cos vellos directivos da caixa que a levaron a esta situación”. Aymerich tan só tendeu a man á Xunta se está disposta a acometer definitivamente unha reforma do Estatuto de Autonomía que eleve o nivel de autogoberno: “Aí estaremos”, manifestou
O secretario xeral do PsdeG, Manuel Vázquez ofreceulle ao Goberno “despexar xuntos o futuro de Galicia” se comparte unha diagnose para saír da crise que fai fincapé na necesidade de modernizar os sectores produtivos, formar aos máis novos e evitar o despoboamento do rural. “Fai falla un plan de política industrial e unha orientación da internacionalización da economía”, demandou Vázquez, que citou un informe do BBVA segundo o cal a economía galega situarase á cola do Estado no presente bienio e lastrará o crecemento do PIB español.
Se o que se debate na máis importante sesión anual do Parlamento é en que situación se atopa a Autonomía, entón hai coincidencia entre Xunta e oposición: estamos peor do que estabamos. As diverxencias xorden á hora de repartir a cota de responsabilidade: “Estamos peor porque o Goberno central nos boicotea”, proclama o Executivo galego; “Estamos peor porque a Xunta non goberna e elude as súas competencias”, critican socialistas e nacionalistas. Así se resume a primeira xornada do Debate sobre o Estado da Autonomía, que apenas serviu para amplificar argumentos xa coñecidos. O discurso do Presidente na Cámara foi máis austero en compromisos que o do pasado ano. Alberto Núñez Feijóo foi parco en anuncios ou novos compromisos e investiu tanto tempo en glosar a súa actuación como en cargar contra a política do Executivo estatal. A política económica mereceu a maior atención na análise do titular de San Caetano e a ela reservou a gran novidade da sesión: unha lei para o control responsable dos plans financeiros da Xunta.