Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Martes 17 de Xullo de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Crepusculares

“Grupo salvaje” (La 1, 22:15 h.)

Cultura 26/04/2012
  Envía a túa opinión

Crepuscular. Que fermosa palabra. Parecera que sempre tivese que ir collida da man da súa compañeira inseparable, western. Porén, mesmo os matrimonios léxicos poden ter desavinzas. Sempre se dixo que El-Rei era “campechano”, unha expresión en desuso dende a pública aniquilación do oso Mitrofan e do elefante anónimo ao que a III República erixirá un monumento de marfil con forma de cadeira tronzada. Tamén ao referirse aos encontros entre o Madrid e o Barcelona se facía a asociación entre “clásico” e “do século”, algo que perdeu todo valor dende que o duopolio futbolístico fai que as centurias se conten en prazos de quince días aproximadamente. Isto devólvenos ao evocador adxectivo do solpor, que antano podiamos relacionar con vellos vaqueiros á busca dunha derradeira aventura e hoxe, manda truco, representa a vampiros adolescentes que morden pescozos e chuchan corazóns de quince anos. 


Maquillaxe para a reforma laboral

“Perdidos en la tribu” (Cuatro, 22:30 h.)

Sociedade 25/04/2012
  Envía a túa opinión

Forma parte da historia oculta da península ibérica. Nun tempo non datado, digamos noutrora, escuadróns de españois aspirantes a empresarios marcharon polo mundo adiante coa secreta misión de prosperar. Nós non o sabemos, pero durante anos de fame e miseria malviviron traballando nos máis abxectos mesteres, investindo horas da súa vida en labrar o porvir para eles e para os seus futuros empregados. Co paso do tempo, os membros desta lexión estranxeira de emprendedores lograron os seus propósitos dunha maneira cuxo relato non se conserva. Mais confiamos en que, tal e como sosteñen, se fixeron a si mesmos. Non provén a súa riqueza das herdanzas, da especulación, do abuso ou, directamente, da ilegalidade, non. Cremos na xustiza da recompensa aos seus esforzos. Por iso hoxe dende a CEOE convídannos a marchar traballar a Laponia, dende a Generalitat a coller un avión e ir servir cafés a Londres ou, dende a nunca nepotista familia Cospedal, a traballar máis e cobrar menos. Aqueles que confían na súa sabia doutrina participan xa en “Perdidos en la tribu”, por iso de irse afacendo ás condicións do futuro.


Díxome, díxome

“Hay una cosa que te quiero decir” (Telecinco, 22 h.)

Sociedade 24/04/2012
  Envía a túa opinión

Repasemos os medios, porque é posible que estamos a esquecer algún. O correo postal e o electrónico, o teléfono, o telegrama, o Facebook, o Twitter, o Tuenti, o Whatsapp, o Messenger, mesmo as pombas mensaxeiras, as mensaxes de fume, o tam-tam e, de perdidos ao río, un pergameo nunha botella. Deixámonos algo fóra? Coido que non. En calquera caso, recursos témolos sobrados. Se eu che quero contar algo a ti ou ti mo queres contar a min, non é preciso retrotraernos a antes de Altamira e desenvolver unha linguaxe primitiva: xa temos o código e temos transmisores abondo. Explícame ti a min, daquela, como demo hai necesidade de convocar á televisión para que levante acta notarial da nosa comunicación? Camiñamos espidos pola rúa? Non. E logo que facemos amosando unha intimidade maior que a dos xenitais en público espectáculo retransmitido a fogares cuxos membros non se falan porque prefiren ver como son outros os que o fan daquel lado da pantalla?


Sexo non sexy

“El cine de la 2: La pianista” (La 2, 22 h.)

Cultura 23/04/2012
  Envía a túa opinión

Sendo tan esencial para a vida, sorprende o limitado progreso que en miles de anos de civilización a especie humana ten feito arredor do tratamento do sexo, co relato da experiencia tan íntima sempre camiñando con dificultade un fino aramio entre os requisitos do privado e do público. Por moito que algúns pensen que con apagar a luz desaparece, o sexo segue aí. Porén, aínda non fomos quen de establecer un sistema para referirnos a el coa naturalidade debida, por suposto sen lesionar a ninguén, pero tampouco converténdoo nunha arma de moralidade. O problema acrecéntase na televisión. Pensabamos que a mamila oscilante de Sabrina Salerno marcaría o camiño, pero non fixo senón confundirnos máis. Por cada didáctica e aséptica lección da doutora Elena Ochoa temos que aturar a comedia artificial de “Mujeres, Hombres y Viceversa”. E non obstante, de ningunha das formas ensaiadas somos aínda capaces de aprehender con naturalidade variedades do feito sexual como as que se contan en “La pianista”.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros