Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Mércores 17 de Xaneiro de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

De algo haberá que falar

“Debate Eleccións Galegas 2012” (TVG, 21:30 h.)

Institucional 08/10/2012
 1 comentario/s - Envía a túa opinión

Dixo o filósofo que a vida é como unha caixa de bombóns. Eu penso que máis parece unha bolsa de lambonadas desas que un levaba á escola polo día do seu aniversario. Non existía o azar que predicaba Forrest Gump. Dun ou doutro xeito, no fondo do plástico sempre ficaban os caramelos de anís para gozo dos pequenos dipsómanos que xa apuntabamos predilección polas sobremesas con sol e sombra. Que lección nos ensina iso? Que hai uns gustos maioritarios e que, segundo a lóxica do beneficio, veñen malos tempos para os que se queiran provocar unha caries con mini-doses de Marie Brizard, os que aínda mercan iogures de coco ou os que devecen polo regreso da Coca-Cola con sabor a cereixa. Os grandes imperios da hamburguesa saben que o éxito radica en sintetizar a opción da maioría e facer posible que o consumidor poida mercar unha comida de idéntico sabor na Coruña, en Londres ou en Toquio. E por iso mesmo esmorece o interese dos debates políticos: porque sobran dobre whoppers con queixo con gravata e faltan representantes anisados.


Quere os teus cartos e, se cadra, a túa alma

“#laSextacolumna: Síndrome Eurovegas” (La Sexta, 21:30 h.)

Sociedade 05/10/2012
 24 comentario/s - Envía a túa opinión

É todo o cerimonial o que o fai admirable. O mozo chega puntual, pide un refresco de limón e camiña cun saco de moedas até a máquina comecartos. Alí pásalle a man polo lateral metálico, apalpando e aloumiñando, como se lle toca o lombo a un animal para saber se está calmo e receptivo, como se rozan os tetos da vaca para prognosticar a produción antes de muxila. E cando desliza a primeira moeda pola boca do traizoeiro corno da abundancia o resto do bar desaparece. Agás os grolos de limoada, nada distrae ao chinés do seu mecanismo: moeda; ollos que sen pestanexar escrutan a rotación de sandías, campás, cereixas e lingotes; outra moeda. Só de cando en vez prodúcese o milagre: preme “Avance” e o resto dos clientes interrompemos as nosas conversas pola tormenta na que estouran as moedas do premio ao precipitarse na bandexa do cobro. Así un día e o seguinte tamén: unha Fanta e a pelexar por aumentar a marxe entre o beneficio recollido e os euros que van para o bandullo do engado ludómano. Por que unha sucursal das Vegas vaise instalar nun descampado madrileño e non na praza de Tiananmen é algo que ese rapaz e máis eu non entendemos.


Nirvana: cheira a espírito xuvenil

“Conexión Samanta: Yoga Rave” (Cuatro, 00:30 h.)

Sociedade 04/10/2012
 21 comentario/s - Envía a túa opinión

Un é capaz de botar meses peneirando entre as ofertas dos portais inmobiliarios para escoller a casa na que vivir e logo non reflexiona nin cinco minutos onde quere ficar cando a súa conciencia desapareza e a alma xa non forme parte do seu corpo. E se algo hai que escoller ben é o paraíso no que imos pasar todo o tempo do mundo cando resulta que o tempo xa non importa. A oferta é diversa, polo que cómpre afinar. Eu, por exemplo, xa desbotei o Valhalla, porque éche moi cansado pasar a morte en desfiles militares para acompañar a Odín á batalla do Ragnarok. Un, se morre, é para descansar. Por iso tampouco teño moi claro o beneficio da inmolación dos guerreiros musulmáns que aspiran a gozar da agarimosa compaña dun harén de virxes. O Corán non di nada da Viagra, así que tamén desboto converterme nun Hugh Heffner mahometano.


In your face

“Debate electoral: Obama-Romney” (Canal 24 Horas, 03:00 h.)

Institucional 03/10/2012
 1 comentario/s - Envía a túa opinión

Din as enquisas que xa non queremos aos políticos, así que mentres Cospedal se encarga de aniquilar o sistema parlamentario cadaquén ten que ir procurando os seus motivos particulares para conservar a afección polo axentes da cousa pública. Un candidato que sexa capaz de facer un crossover entre as pernas e logo cravar unha suspensión tirando a taboleiro dende catro metros. Ese sería o home ao que eu lle daría o voto, non ao que pasea chuchando cohibas e logo senta a ler no Marca se “o Madrid isto”, “o Madrid o outro” e o “Madrid que sei eu”. Un candidato ao que animan con concertos durante a campaña Wilco, Janelle Monae ou The Walkmen. A ese si que o podería votar. Imaxíneno. Anda que non se dispararía o carisma de, por exemplo, Rubalcaba, se rematase os mitins facendo guitarra de aire mentres tocan no escenario Los Planetas ou El Columpio Asesino. “Feitos, non promesas”, dicía aquel. “Feitos, pero molóns”, engado eu. Se as estratexias de comunicación dos partidos queren xogar o encontro electoral apostándoo todo á imaxe e non á substancia, fagámolo con todas as consecuencias. E aí, nese punto, eu estou por bicar as barras e estrelas e pasar a ser, como cantaba Kanye West, “unha abominación da Obama-nación”.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros