Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Luns 22 de Xaneiro de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

A carne? Pouco feita

“Cine: El silencio de los corderos” (La 1, 22:15 h.)

Sociedade 16/04/2012
  Envía a túa opinión

Como recoñecer se unha película se converteu nun fito cultural? Poden facer a proba. Na próxima gran churrascada na que participen, cando teñan o prato cheo de ósos e a graxa pingando dos dedos, proben a lamber as falanxes con gozo e logo sacudir a lingua arriba e abaixo mentes rosman “Claricccceeeee, Claricccceee...”. Alí onde está vostede insuflando nova vida ao seu colesterol, alí verán o resto de comensais a Hannibal Lecter, o inesquecible protagonista de “El silencio de los corderos”, verdadeiro fito fundacional do cine de asasinos en serie. Para aqueles que viñamos dos 80, onde a dinastía do terror tiña na liña sucesoria a Freddy Krueger e Jason, resultou un verdadeiro shock descubrirse tremendo perante a lascivia caníbal dun velliño cultivado que gozaba mastigando carne sen cociñar de homo sapiens. 


Atopa a diferenza (resposta: Céline Dion)

“Titanic. El verdadero Jack Dawson” (La 2, 22:10 h.)

Cultura 13/04/2012
 1 comentario/s - Envía a túa opinión

Os xornalistas son notarios da realidade. A súa sinatura págase mil veces menos que a dun funcionario que exerce de ministro de fe, é certo, mais o propósito é semellante ao do representante do Estado: dar testemuño público de actos privados. Ese requisito de contar as cousas como son e non como quixéramos que fosen limita moito a capacidade do xornalismo de entreter ao público como si poden facer os que traballan coa ficción. Supoñamos que un luxoso cruceiro solta cabos, navega por mares do Norte e rende todo o seu poderío de ferro perante o afiado xeo dun iceberg, padecendo un naufraxio no que morren centos de persoas. O redactor deberá dar conta  dos motivos precisos da catástrofe e non aforrar o tráxico relato das causas da morte dos cadáveres que, azuis e podres, aboiarán en alta mar. A historia é terrible; o pranto dos orfos, xustificado; e a beleza non asoma por ningures. Agora imaxinemos que somos cineastas e debemos contar a mesma historia. Poñemos a Céline Dion a cantar por enriba do desastre e temos xa unha película romántica.


O limbo 2.0

“La nube” (La 2, 22:50 h.)

Cultura 12/04/2012
 1 comentario/s - Envía a túa opinión

Aquí non hai respecto por nada. Nin a Igrexa o ten. Se un xa non pode confiar no purgatorio e tampouco está clara a existencia do limbo, que nos queda? Se non es quen de camiñar polas augas, aínda podes nadar a crol, mais se paseas polo aire confiado e che retiran a pasarela de nubes non hai outra opción que esnafrarse. Sen conceptos teolóxicos sólidos, ten que haber novas ideas ás que aferrarse. A nova doutrina dixital, esa que multiplica pans e peixes con retweets e megusta, a que separa o corpo mortal da alma social 2.0, vén de formular un substituto para esas parcelas borradas do catastro divino: moi axeitadamente chámanlle “a nube”. Custa explicar con exactitude en que consiste, pero sabemos que está aí, no éter. Supostamente, trátase dun lugar non físico no que habita  a palabra de Steve Jobs e se amorean infindos millóns de bits e información, unha estación de tránsito na que se produce a transubstanciación dos teus arquivos dixitais, texto, música e vídeo, pasando dende un estado non visible á corporeidade da pantalla do teu smartphone. Axeonllémonos dicindo amén. 


Dádeme un micrófono e moverei o mundo

“Ritmo urbano” (La 2, 20 h.)

Cultura 11/04/2012
 16 comentario/s - Envía a túa opinión

Check-it-out. Representando para Radiofusiòn, nun tipo de comentario que non require explicación. Acotío polas tardes tento buscar o flow, matinando en trapalladas, xa non sei se veño ou vou. Solto cousas argalladas, moi pouquiño aqueladas, son cativas, non pensadas, nunca queren dicir nada. Con este ritmo que meto vouche pintando o caneco, cada día unha parvada, miña lingua revirada, dando voltas á pantalla, peneirando con tesón, repaso a programación, fágoche escolma entre a grella, vou axiña como un fervellas...Verzas! A maioría das canles están ermas, non hai cousa que ver, aí tes o mando, a ver seo termas. Mais se non o queres facer, terás que confiar, acreditar, deixarte guiar por este gurú sen pelos... na lingua. O compromiso non mingua, gua-gua-pamente teimudo, este mc caralludo vaise quedando mudo, porén devolve a cuestión á orixinal situación, falar de televisión. Un traballo inhumano, soamente salvado por poucas excepcións como as que emite La 2, que para contento das preas, este serán estrea, o seu novo programa, outro espazo marciano: “Ritmo urbano”.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros