Publicidade Radio Fene
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Domingo 19 de Agosto de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Rebel, rebel

“Cine: A condesa rebelde. Emilia Pardo Bazán” (TVG, 22:30 h.)

Cultura 10/04/2012
  Envía a túa opinión

Que é petala como galego alén Pedrafita? Chegar ao status de Rivas, que escribindo en galego devezan por levarte ao castelán, é un fito. Se antes que admiración profesional buscas o latexo namoradeiro das mulleres, ao seu fillo, con ou sen eñe, vaille bastante ben. Como receptores de desexo, físico e catódico, os Vázquez, Jesús e Paula, non teñen igual. Se falamos de poder, tampouco terá motivo de queixa o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, aínda que está por demostrar que o seu cativo poder á sombra do mandato financeiro poida equipararse ao designio divino que supostamente alumea cada lousa que pisan os borceguíns de Rouco Varela. Con todo, en materia de intercesión celestial, poucas persoas hai co privilexio de Chini Gámir, esquiva xornalista e parella do presidente da Xunta, que o mesmo consegue un posto no gabinete do Ministerio de Facenda que pasea cruz de ouro en audiencia privada co Sumo Pontífice. E porén, ningún deles a petou como Emilia Pardo Bazán, que en tempos no que a maioría de galegos vestían farrapos, almorzaba con Vítor Hugo e compartía alcoba con Pérez Galdós. Paris Hilton? Dáme a risa. 


Abreviade, abreviade, malditos!

“59 segundos” (La 1, 00:10 h.)

Institucional 04/04/2012
  Envía a túa opinión

Reparemos nos sete ananiños que acompañaban a Brancaneves nos seus paseos polo mundo das fábulas. De entre toda a pequena escolta, ninguén merecía máis afecto que Mudiño. Velaí un sinal de que os calados son máis dignos de aprecio, máis aínda se vivimos tempos como estes de hogano, que de tan verbosos rebentan a serenidade de calquera. Líder da contracultura, David Bisbal cantou “Silencio”, un himno para esta época de abafante ruído provacado pola ubicuidade dos medios. Requírese máis poesía e menos prosa, máis a palabra exacta, máis puntería no dicir, máis austeridade por parte dos falabarata. Cómpre desbastar o éter de tanta palabra que moito ocupa e nada di (comezando se cadra por esta mesma referencia televisiva). Por iso debemos chorar no funeral dos micros minguantes de “59 segundos”, os únicos capaces de deixar co discurso pendurando da boca aos políticos, que se vai oficiar esta noite.


Evasión ou vitoria

“Champions League: FC Barcelona – AC Milan” (La 1, 20:20 h.)

Deportes 03/04/2012
  Envía a túa opinión

O bo, cando breve, bo dúas veces. Hai certa idiosincrasia peninsular que defende as virtudes do perenne: queremos traballo para toda a vida e preferimos hipoteca vitalicia antes que alugueiro. Porén, non hai gloria como a efémera porque co paso do tempo esa é a que máis perdura. Como a beleza, o éxito hai que espremelo no momento no que sucede e logo asumir coa satisfacción do vivido a chegada de tempos feos e peores. Os Beatles, que sempre estarán aí, funcionaron tan só durante unha década e foilles abondo. Non se permitiron unha mácula, nin unha soa engurra na súa obra. A rivalidade cos Rolling Stones é absurda. A estes vímolos vestir mallas fucsia aos 70 anos, pero aos de Liverpool sempre os lembraremos perfectos. E porén aínda hai xente que non entende que Josep Guardiola pense en deixar o seu cargo de adestrador do Barcelona. 


Grupo salvaxe

“El número uno” (Antena 3, 22:30 h.)

Sociedade 02/04/2012
  Envía a túa opinión

Dicía o filósofo que puidera ser que, de tanto fitar para o abismo, ao final do día nos dese a sensación de que en verdade era o baleiro o que ollaba directamente aos nosos ollos. Do mesmo modo, hai quen no zoolóxico matina en se non será o macaco quen ri de nós porque é máis libre el na súa gaiola que as persoas que habitan un mundo cada vez máis constrinxido no que despezamos a natureza en vitrinas para gozala de maneira hixiénica. Este mesmo paradoxo está no cerne do mecanismo de fascinación que opera arredor de “El número uno”, outro catálogo de xente como vostede e coma min, ninguéns que, coa beizón da televisión, mañá podemos ser Lady Gaga ou, na medida das posibilidades, a quinta pata de Fórmula Abierta. Mais, tal e como andan as cousas nesa esmorecente industria musical, a cuestión reside en quen está verdadeiramente no lado do escaparate: se os talentos ignotos que pregan por unha oportunidade ou os vestixios dun tempo que xa non é sentados detrás da mesa do xurado. 

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros