Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Sábado 21 de Abril de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Xa o dixo Gandalf: “Non podes pasarrrr!”

“Equipo de investigación: El amo de la noche” (Antena 3, 00:15 h.)

Sociedade 30/03/2012
  Envía a túa opinión

As persoas que máis predicamento teñen no mundo da moda son Karl Lagerfeld, Nati Abascal, Kate Moss e un señor que ten o pescozo igual de ancho que as miñas coxas, embute as súas carnes con esteroides nun traxe negro estreito que lle senta mal pero ninguén llo di, calza zapatos de punta longa e charón e a última vez que sorriu foi en 1986 cando o transbordador espacial Challenger rebentou de camiño á estratosfera. Este gurú do bo vestir asoma todas as noites ás portas dun local de hostalería dende onde discrimina que looks son apropiados para bailar coa sofisticación requirida os grandes éxitos de Paulina Rubio. Ninguén diría que estes homes, ademais de levantar 150 quilos nas pesas do ximnasio, tiveran un talento tan afiado de fisonomistas e coolhunters para decidir, coa delicadeza dun tratante de gando, que xuvencas e bois poden ter o privilexio de pagar gin-tonics de 12 euros. Hai exemplares de porteiros de discoteca que son man de ferro en luva de esparto.


Onde comen dous, comen tres

“Comando actualidad: Buena gente” (La 1, 22:15 h.)

Sociedade 28/03/2012
  Envía a túa opinión

Se Thomas Hobbes vivise aínda, faría unha revisión zoolóxica da súa filosofía. Entendería que o home non é un lobo para o home. Acáelle mellor unha hiena. Comernos uns aos outros é unha definición parcial da viraxe que tomaron estes tempos: o que verdadeiramente completa o retrato da época é o esmendrelle, a risa incontrolable dos que, mentres roen os ósos dos febles, confirman divertidos que só os máis voraces sobreviven. Inventamos o concepto de humanidade para arrogarnos a capacidade de vivir por nós e para os demais, en troques de abandonados á procura da propia satisfacción que adoita conducir ás bestas. Porén, fronte ao modelo familiar e protector da manda, agora o que nos presta é un liberalismo salvaxe, no que cadaquén pelexa polo mellor pedazo de carne e logo rise dos famentos. Ás hienas, preeiras, non se lles coñece bondade.


Casa de tolos

“American Horror Story” (Cuatro, 23:15 h.)

Cultura 27/03/2012
  Envía a túa opinión

A intención é moi importante. En función dela e cos mesmos vimbios, un pode crear “13, Rue del Percebe” ou “A mansión encantada”. Todo é cuestión do efecto que se queira lograr, cómico ou terrorífico. E a vivenda, que é un escenario de pesadelo por si mesmo, asociada como está ás hipotecas, é moi susceptible de moldearse como arxila nas mans dun creador obsesionado cun propósito concreto. Por exemplo, onde eu vivo hai ruídos espantosos que proceden do soto, producidos por un grupo de mozos que ensaian os temas de hardcore-melódico da súa banda. Como nos primeiros pisos hai varios negocios de diversa índole, polas escaleiras transitan persoas descoñecidas. Algunhas noites escoitábase o ecoar de pisadas orixinado pola coqueta da veciña que sempre preferiu o tacón de andar por casa á pantufla. Habita un elemento parede con parede que ouvea como un lobishome cada vez que ve o partido pola tele e o Real Madrid erra unha ocasión de gol. E, por suposto, está a muller asexante que dende o patio de luces controla todos os meus movementos, saídas e entradas do edificio. Con todos estes elementos pódese facer comedia ou horror. E perante unha escolla así, “American Horror Story” optou por explotar todo o “chungo”.


Perfil de xenio

“El Hormiguero 3.0: Ferrán Adriá” (Antena 3, 21:45 h.)

Sociedade 26/03/2012
  Envía a túa opinión

Coincidindo co aniversario do señor Leonard Nimoy, máis coñecido por todos os que falamos o idioma klingon como o venusiano Mr. Spock, cómpre falarmos da teletransportación, esa tecnoloxía grazas á que a materia viaxaba dende a nave USS Entreprise a calquera punto do espacio interestelar. Como tantos outros avances prognosticados pola ciencia ficción, debemos confiar en que chegue o día en que sexamos capaces de facelos realidade, descompoñendo e recompoñendo átomos a vontade en calquera lugar. Só desa maneira completaremos un progreso humano evidentemente coxo, terriblemente limitador de capacidades que co paso dos séculos ficarán atrofiadas. A nosa cultura só ve e escoita, non apalpa, non cheira, non gusta. 

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros