Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Mércores 17 de Xaneiro de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Como Nicholas Cage en Leaving Las Vegas

“Cine: Teniente Corrupto” (Antena 3, 22:45 h.)

Cultura 12/03/2012
  Envía a túa opinión

Partindo das polonesas que Errol Flynn tocaba ao piano usando o seu membro viril para levar o acompañamento, hai toda unha fervenza de historias delirantes e depravadas que certifican a Hollywood como a construción máis semellante á lendaria e pecaminosa Babilonia que a sociedade contemporánea foi quen de concibir. Disque agora xa non hai o lustre de antano na meca do cine, mais cando pase o tempo han gañar o brillo que merecen personaxes como Nicholas Cage, ese que en España forma parte xa da nómina de personaxes protagonistas da canción popular, como Eva María, a que marchara á procura do sol na praia; Chábeli, que para Julio Iglesias pasou “de niña a mujer”; Carmen de España, manola!, e non a de Merimée, que logo presentaría o telecupón en pantuflas de casa; e, efectivamente, por intercesión de Amaral, cando un vive como se non houbese mañá, faino “como Nicholas Cage en Leaving Las Vegas”. Pois case tan arrastrado como naquel retrato do alcolismo miserento aparece o sobriño de Coppola en “Teniente Corrupto”.


Visionarios

“Comando Actualidad: Mi negocio funciona” (La 1, 22:15 h.)

Sociedade 07/03/2012
  Envía a túa opinión

De seguir as cousas por este camiño, só dúas tribos urbanas sobrevivirán ao gran cataclismo económico, ese que rematará cos cidadáns desterrados a Laponia mentres unha caste de tecnócratas xogan ao golf nos páramos urbanos deixados polos exiliados da reforma. Se o petróleo non baixa, os alimentos soben e os gobernos se inhiben, apenas un par de colectivos poboarán a terra desenvolvida: os banqueiros, porque aínda ninguén foi quen de facer que un deles respondese por algo; e, pola outra banda, os rapeiros, trobadores do asfalto. Recoñezámoslle o carácter visionario a todos aqueles que, mentres aforraban en chándales, ían cargando pescozo e mans de xoias, cadeas e demais ourivería presentada como símbolo de status. Esas pezas grosas, amarelas e brillantes, abaneando para un e outro lado mentres se recitaban as cuitas do barrio, son o máis solvente depósito económico que se coñeza, agás Fort Knox. Por todos os recantos da cidade escóitase o reclamo, “Compro ouro!”, ese que só poden satisfacer vellas herdeiras e MC's de arrabalde.


O que pasa nas Vegas, fica nas Vegas

“El Taquillazo: Resacón en Las Vegas” (La Sexta, 22:25 h.)

Cultura 06/03/2012
  Envía a túa opinión

O que sucede en Compostela, fica en Compostela. Para xeracións de galegos e galegas que tiveron a sorte de saír da casa para estudar na Universidade de Santiago, ese é un xuramento que levarán consigo até que, xa baixo terra, os vermes llelo chuchen dos miolos. Ninguén ten por que saber máis do estritamente necesario sobre os momentos de recreo xuvenil gozados entre unhas rúas de pedra que, no que, se exceptuamos o neon, as ruletas e as strippers de barra americana, son o máis semellante que en Galicia temos a, se nos poñemos enxebres, As Veighas. Mais Las Vegas, que así chaman os americanos á súa Sodoma no medio do puritano deserto de Nevada, difire da nosa capital universitaria en que é un parque de atraccións para a idade adulta, o espello masculino e depravado do Disneyworld de Orlando. Cada fin de semana, como guiris en excursión etílica a Lloret de Mar, miles de homes estadounidenses buscan algo de acougo dese american way of life de tarta de mazá e misa de domingo, perdendo os cartos, a compostura e a dignidade nunha cidade eminentemente fálica.


O “dentes, dentes" inmortalizado na ficción

“Mi Gitana” (Telecinco, 22 h.)

Sociedade 05/03/2012
  Envía a túa opinión

Laurence Olivier en “Hamlet”, Marlon Brando en “A lei do desexo”, Katherine Hepburn en “O león en inverno”, Al Pacino en “O Padriño II”, todos os incontables homes e mulleres de corpos apolíneos empeñados en estragarse con deformacións para gañar o Oscar, e para de contar. Tampouco hai tantos retos interpretativos na historia do audiovisual que desafíen a nobre arte da actuación e que sexan capaces de propulsala máis aló dos seus límites cando finxidor e obxecto de admiración coinciden. Ata hoxe, claro. Porque se hai alguén disposto a matar por un bo papel -como confesan todos os heroes de acción que desexan poder espir os seus rexistros dramáticos e todas as graves belezas que devecen por un rol cómico-, a partir de agora Borja Navas está no punto de mira dos mercenarios. E é que o seu non é un caramelo, o seu é unha lambonada de tamaño colosal, unha piruleta capaz de facerlle sombra á Torre de Hércules. De Niro case dá a saúde por facer de La Motta, e Navas ben pode apostar a vida por contar coa oportunidade de interpretar a Kiko Rivera, por sempre “Paquirrín”.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros